Nun comunicado a hostalería anticipa unha convocatoria para os próximos días na que informarán do estado das negociacións co concello sobre a normativa de ocio.
Santiago, 6 de novembro do 2016 – A Asociación de Hostalería emitía no día de onte un comunicado para informar de que en próximas datas convocarán a unha reunión a tódolos colectivos da cidade “Ante a preocupación xerada entre diversos ámbitos da cidade sobre o estado das negociacións, as asociacións hosteleiras de Compostela emprazaremos e informaremos nos vindeiros días ao conxunto do tecido asociativo da cidade (asociacions viciñais, comerciantes, sindicatos, entidades culturais, xuvenís, estudantís, partidos e forzas políticas, medios de comunicación, etc) a acudir unha reunión onde explicaremos as nosas demandas e o estado da negociación. Neste encontro recolleremos as opinions e suxerencias do conxunto dos axentes que asistan para incorporalas ao acordo”
A asociación defende tamén no comunicado o valor do colectivo como motor económico da cidade, un colectivo que vai máis alá dos propios locais, e aproveitan para lamentarse do trato recibido nos últimos anos “A hostelería é o medio de vida de millares de persoas, desde o persoal empregado directamente nos mais de 500 establecementos actualmente operativos, ata o conxunto diverso de empresas imprecindíbeis na configuración de un sector puxante (empresas de distribución, maquinaria, xelo, limpeza, deseño e propaganda, seguranza, comerciais, seguros, etc). Paradoxicamente as políticas dos gobernos municipais con o sector non se corresponden con o noso peso obxectivo nen con a realidade de un sector modélico”.
Os hostaleiros insisten unha vez mais do perigoso que resulta a aplicación estricta dunha normativa non adaptada a realidade e advirten de que unha política de sancións continuada o único que provocaría serían despidos nas empresas.
Por outra banda insisten en que o sector “non pode seguir sendo empregado como arma arroxadiza por parte dos partidos” e que a mesa de negociación non se pode alongar indefinidamente no tempo. A asociación entende que hai que chegar a un acordo que englobe a toda a cidade e si é preciso manter reunións bilaterais con outros colectivos xa que eles son ao mesmo tempo veciños e hostaleiros “Na nosa dupla condición de hosteleiros e veciños da cidade somos os mais interesados en encontrar unha pronta e boa solucción a esta problemática. A nosa intención de fomentar o diálogo e o entendemento é inequívoca. Estamos abertos ao diálogo con todos os sectores que desexen traballar, construir e mellorar a difícil situación que atravesa a hostelería compostelana”.