Compostela, 29 de agosto do 2022 – A Asociación Hostalaría.gal mostra a súa preocupación polas demandas de devolución de axudas que os socios están a recibir desde a Xunta de Galicia.
A asociación denuncia que o procedemento de reintegro iniciado desde o organismo autónomo “carece de base legal e obedece a unha interpretación errada da orde”. A petición fai referencia as axudas ao lecer nocturno concedidas en setembro do 2021.
O presidente de Hostalaría.gall, Lois Lopes, subliñou que con este procedemento de reintegro das axudas “queda patente de novo a falta de sensibilidade do Goberno da Xunta co sector hostaleiro e co do lecer nocturno en concreto”. Tamén lamenta unha intencionalidade política nesta medida, que enmarca nun ataque sistemático ao sector.
Segundo os datos que manexa a Asociación, dun total de case 4 millóns de euros de crédito, a Xunta solicita o reintegro de arredor do 60% do total, o que se traduce en preto de 2,4 millóns de euros. Nalgúns casos, a cantidade a devolver polo propietario do establecemento supera os 30.000 euros, aos que hai que engadirlles os xuros xerados desde o pagamento da subvención hai case un ano.
O argumento para a demanda é que supostamente non se cumpre a Orde do 15 de agosto do 2020, que impedía aos establecementos nocturnos exercer calquera tipo de actividade dado que estes locais reflectiron ter facturación no 1º e 2º trimestres do 2021.
A cuestión é que esta Orde non ten vixencia no primeiro semestre do 2021. De feito, a Orde do 10 de setembro do 2021 permitía a estes locais traballar a terraza de acordo coas restricións de aforo e distancia vixentes, e foron múltiples e sucesivas as diferentes Ordes ata mediados do ano 2021.
Hostalaria.gal xa presentou alegacións contra este procedemento de reintegro co obxectivo de que, como en anteriores ocasións, prosperen e se evite un dano maior a un sector especialmente castigado desde o comezo da pandemia e que, na actualidade, está afectado como poucos pola crise inflacionista.
A directiva da asociación está pendente tamén dunha reunión solicitada ao Vicepresidente segundo da Xunta e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para trasladarlle de primeira man a inquietude xerada no sector por unha medida que ameaza a supervivencia de moitos establecementos de lecer nocturno.