Compostela, 15 de abril do 2019 – A Real Filharmonía de Galicia dedica o concerto de este mércores, ás 20:30 horas, ao compositor galego Andrés Gaos. A batuta levaraa o mestre valenciano Rubén Gimeno, que substitúe ao director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, que tivo que cancelar a súa participación neste concerto por enfermidade.
O programa, titulado “Á memoria dun anxo”, é unha homenaxe ao compositor e violinista galego Andrés Gaos (1874-1959), coincidindo co 60º aniversario do seu falecemento e no marco dos actos conmemorativos do “Ano Gaos 2019”, que promove a Universidade de Santiago. O concerto comezará con Impresión nocturna, que compuxo para a Exposición Internacional de París en 1937. Os músicos interpretarán ademais a súa obra Temporal, encadrada dentro do nacionalismo musical arxentino, do que Gaos foi un dos seus principais representantes.
As cancións de Gaos na voz da mezzosoprano Marta Infante
A orquestra achegará ao público algunhas das cancións más populares de Gaos, orquestradas polo compositor Joam Trillo para esta ocasión. Así, soará Rosa de abril, a súa derradeira composición, baseada nun poema galego de Rosalía de Castro, na que o músico amosa a lembranza da súa terra natal, a pesar de que xa había máis de sesenta anos que emigrara a Arxentina. De seguido escoitaranse catro das súas cancións francesas: Au point du jour, La rose, Fleur morante e Premier printemps!.
Estas cancións serán interpretadas pola mezzosoprano catalá Marta Infante. Realizou estudos superiores de Canto na Universidade de Ostrava (República Checa) e dende o inicio da súa carreira profesional céntrase no eido da música sinfónica, con atención especial á música antiga. Ten cantado en numerosos países europeos e nas principais cidades de Sudamérica, Oriente Medio e Xapón.
Ademais, o programa inclúe a Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis do británico Ralph Vaughan Williams (1872-1958), denominada así en alusión ao autor orixinal da melodía principal na que se basea, Thomas Tallis, un dos compositores de música sacra máis importantes do século XVI.
O virtusiosimo de Ye-Eun Choi ao violín
A cita concluirá co Concerto para violín “Á memoria dun anxo” do austríaco Alban Berg (1885-1935), estreado postumamente en Barcelona en 1936. A obra está dedicada a Manon, a filla da compositora Alma Mahler, falecida cando só contaba dezaoito anos. A obra expresa a candidez da homenaxeada e as sucesivas expresións orquestrais supoñen o contraste como símbolo da proximidade da morte.
O concerto será interpretado pola violinista coreana Ye-Eun Choi. O seu lirismo e virtuosismo téñenlle valido a aclamación tanto como solista como en formacións de cámara. Foi descuberta e avalada pola violinista alemá Anne-Sophie Mutter aos 16 anos. Na temporada pasada tocou o Concerto para violín de Bruch baixo a batuta de Mariss Jansons coa Orquestra da Radio de Baviera e a Musikhochschule de Múnic, e actuou coa American Dream Orchestra en Los Ángeles e no North Wales International Music Festival. Ademais, foi de novo convidada pola Filharmónica de Seúl para participar nun concerto durante o Día da Liberación Nacional de Corea. No Festival Concordia en Kazán interpretou A Metamorfose de K. Penderecki, dirixida polo propio compositor. E participou nunha xira cos “Virtuosi” de Anne-Sophie Mutter.
Entre os seus numerosos premios destacan o “Rising Star” en 2007 da League of American Orchestras e “Young Artist” nos European Cultural Awards en 2013. Afincada en Múnic, naceu en Seúl, debutando coa orquestra da súa cidade aos 10 anos. Toca o violín Parma de J. B. Guadagnini de 1765.
Charla previa co director Rubén Gimeno e con investigadores do “Ano Gaos”
Antes da celebración do concerto, o público terá a oportunidade de manter unha charla previa co mestre Rubén Gimeno e con investigadores do “Ano Gaos” da Universidade de Santiago, ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.
Gimeno foi Director Titular da Orquestra Simfònica del Vallés desde 2009 ata a temporada 2015-2016. Así mesmo, foi Director Artístico da Xove Orquestra da Sinfónica de Galicia durante seis años, labor que simultaneou co posto de violinista da Sinfónica de Galicia. Como director convidado ten colaborado con boa parte das orquestras españolas e fóra das nosas fronteiras ten dirixido importantes agrupacións en Europa, América e Asia. Obtivo o Máster en Dirección de Orquestra na Universidade de Maryland. Con posterioridade estudou no Conservatorio de Estocolmo, onde obtivo o Diploma Superior en Dirección de Orquestra e se formou con mestres do talle de Esa-Pekka Salonen.