Tabernalia, 2 de maio do 2022 – Compostela garda locais que teñen unha persoalidade propia, lugares que provocan co seu nome lembranzas en varias xeracións, o Modus Vivendi é un deles.
Os actuais donos, Antonio e Chema, comezaron a xestionalo a finais do ano 2.000. Antes estivo Lalo e antes del Antonio, o primeiro propietario. Corría o ano 1972 e as tabernas e mesóns enchían Compostela. Antonio chegou de Madrid coa intención de abrir un “pub”, algo tan estrano na cidade que tivo que explicar aos funcionarios do concello que era iso dunha “lincencia especial”.
Esta historia do Modus Vivendi provocaba unha certa presión a Chema e Antonio cando se fixeron con el. Viñan de traballar por separado para outros polo que a responsabilidade pesaba pero era unha oportunidade que non podían desaproveitar
A esencia do Modus Vivendi do 72 mantense e, salvo pequenos detalles, calquera que pasara por alí o atopará en xeral como no seu tempo. Un dos retos para os novos donos era atraer novo público sen perder o que xa tiña.
Desde o primeiro momento a música foi algo fundamental. Na década dos oitenta locais como o Modus Vivendi, a Borriquita ou Paraiso Perdido eran, xunto coa mítica Clangor, a referencia musical na cidade. Iso é algo que non se perdeu e foi tamén unha das preocupacións de Chema e Antonio
A pandemia virou todo e, tamén en isto, o Modus Vivendi foi dos primeiros. Unha reunión cos empregados días antes do confinamento levou a un peche que pensaban que sería de pouco tempo
Ao longo dos últimos 22 anos Chema e Antonio viron a evolución da zona vella, a incorporación de máis locais con persoalidade, como o Riquela, e tamén a chegada de outros moito máis pensados para tirar partido económico..
Pese aos cincuenta anos de historia, en este caso en outros incluso máis, a hostalería segue a ser vista con desconfianza desde as administracións. A falta dunha lei clara que permita a música en vivo é unha proba da desidia cara a un sector que, co paso do tempo, demostra que pode ser un valor engadido.
Pode que algún día alguén se decate que este tipo de locais enriquecen a oferta da cidade e que deberían formar parte por dereito propio de todas as promocións que se fan. Brindamos por outros cincuenta anos do Modus Vivendi co mesmo carácter e co mesmo éxito que tivo ata o de agora.