Noia, 6 de xuño do 2022 – Pode ser unha das propostas máis interesantes de este verán, un obradoiro de construción de arpa dentro do Noia Harp Fest.
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, dirixido por Rodrigo Romaní, abre hoxe o prazo de inscrición para participar nos talleres que conformarán a programación paralela do evento musical, que se celebrará do 3 ao 7 de agosto.
Ese ano, ademais das habituais clases maxistrais con artistas que participan no festival, Noia Harp Fest propón un singular obradoiro familiar: a construción da arpa de San Martiño de Noia. O obradoiro, sen límite de idade, propón ás persoas asistentes poder montar e personalizar a súa propia arpa, baseada no instrumento central da arquivolta do pórtico de San Martiño de Noia.
O luthier Luis Martíns, especialista en arpas antigas e barrocas, responsable da recreación dos instrumentos da arquivolta do templo, será quen imparta este curso. Empregaránse técnicas e materiais actuais e permitirá que o público aprenda este verán a construír e montar unha arpa moi lixeira e compacta, ideal como instrumento de iniciación e tamén de viaxe.
O obradoiro celebrarase entre os días 4 e 6 de agosto, con tres sesións de tres horas de duración cada unha, e está aberto a todas as idades, mais as e os menores de 10 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta. O instrumento chegará prefabricado ás mans das e dos asistentes, de xeito que estes poderán escoller entre diferentes pinturas de cores ou acabados, que serán ecolóxicos e sen disolventes, para personalizar a súa arpa.
Para poder participar no curso, ao que se recomenda asistir cun mandil ou roupa vella que se poida manchar sen problema, será necesario realizar a inscrición previa desde hoxe na páxina web www.noiaharpfest.gal/obradoirofamiliar.
As prazas do obradoiro son limitadas e para formalizar a inscrición será necesario abonar o prezo (360 euros) antes do 5 de xullo.
Workshops con arpistas de prestixio
Ademais deste obradoiro familiar, Noia Harp Fest ofrecerá como é habitual a posibilidade de participar en talleres e clases maxistrais con arpistas de primeiro nivel e que participarán na nova edición do evento. É o caso de Reyes Gómez, Juanjo Corbalán e Savourna Stevenson, intérpretes que impartirán aulas da Igrexa de Santa María A Nova nas mañás dos días 4, 5 e 6 de agosto en horario de 11.30 a 13.00 horas.
O primeiro taller chegará o xoves 4 de agosto da man de Reyes Gómez, arpista do Trío Clepsida (cuxa actuación terá lugar no Coliseo Noela esa mesma tarde), no que se abordará a Música española para arpa.
Ao día seguinte será a quenda do curso El arpa paraguaya actual con Corbalán, un dos membros do recoñecido dúo Hermanos Corbalán, que actuarán na noite do venres 5 na Praza do Tapal.
Finalmente, o 6 de agosto chegará o taller doutro dos pratos fortes desta edición do Noia Harp Fest: Savourna Stvenson, quen impartirá o obradoiro Música para clarsach, unha arpa escocesa. Será un pequeno adianto do que o público poderá gozar o propio sábado 6, ás 22.00 horas, tamén no escenario do Tapal.
A inscrición nos talleres, nos que poderán partiripar un máximo de 12 persoas por sesión, ábrese tamén hoxe na web www.noiaharpfest.gal/workshops2022. O prezo de cada taller será de 15 euros e o prazo para remitir as solicitudes estará aberto até o 26 de xullo.