Compostela, 18 de abril do 2018 – A Real Filharmonía de Galicia tocará este sábado parte da suite da Guerra das Galaxias nun concerto para nenos e familias que servirá para apoiar á Fundación Down Compostela.
O concerto dedicado a Guerra das Galaxias inclúese dentro do proxecto RFG Solidaria, centrado na colaboración con varias Ong galegas e da cidade que loitan pola defensa da infancia. Este concerto familiar estará dedicado a visibilizar o traballo que realiza a Fundación Down Compostela. A cita, que forma parte do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, comezará ás 12:00 horas no compostelán Auditorio de Galicia. Este ciclo busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. Os que vaian disfrazados dalgún personaxe da Guerra das Galaxias entrarán gratis.
Baixo a batuta de Paul Daniel, os músicos tocarán extractos da suite da Guerra das Galaxias de John Williams (1932), compositor das máis populares bandas sonoras da historia do cinema. A obra comeza co tema central da saga, considerado pola crítica e o público como un dos mellores temas cinematográficos de todos os tempos, sendo a música que abre cada unha das películas da saga. Contarase coa asistencia da Tropa Korriban Star Wars Galicia, a única asociación galega de seguidores da saga, unha agrupación integrada por medio centenar de fans que naceu no ano 2010. Participarán no concerto caracterizados de soldados imperiais e doutros personaxes da Guerra das Galaxias.
O público terá ademais a oportunidade de gozar cunha selección dos Planetas de Gustav Holst (1874-1934). Trátase dunha suite de sete movementos, a cada un dos cales o compositor lle deu o nome dun planeta e a súa correspondente deidade na mitoloxía grecorromana: Marte o portador da guerra, Venus o portador da paz, Mercurio o mensaxeiro alado, Xúpiter o portador da alegría, Saturno o portador da vellez, Urano o mago e Neptuno o místico.
A Fundación Down Compostela presta servizo a máis dun centenar de familias
Desde a Fundación Down Compostela, que preside Juan Martínez, valórase a importante función da música para as persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. A Fundación, que este ano conmemora o seu 21º aniversario, presta servizo na actualidade a máis dun centenar de familias, ás que acompañan desde que nacen os nenos ata que chegan á idade adulta. Na etapa da infancia axudan á familia para habituarse á súa situación, estimúlase aos nenos a través de programas de atención temperá e trabállase na súa integración familiar, social, escolar e laboral.
