Non todo e enfrontamento en Compostela, a defensa da sanidade pública ven de unir a todos os grupos de Santiago exceptuando ao Partido Popular. BNG, Compostela Aberta, Psoe e Non Adscritas asinan unha moción conxunta apoiando a mobilización que convoca SOS Sanidade Pública o 1 de febreiro.
Esta mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda até a Praza do Obradoiro. Con esta nova acción SOS Sanidade Pública quere denunciar que a Xunta de Galiza “leva anos impulsando unha política sanitaria que está a provocar un deterioro progresivo do Sistema Sanitario Público Galego, abrindo a porta á privatización e á consolidación dun modelo dual no que o acceso á atención sanitaria depende cada vez máis do nivel de renda”.
A plataforma advirte de que este proceso “se agravou de maneira especialmente preocupante nos últimos anos a través do desmantelamento da Atención Primaria, a imposición de barreiras de acceso aos centros de saúde, o aumento das listas de espera e o desvío crecente de recursos públicos cara á sanidade privada, debilitando a capacidade do sistema público para dar resposta con equidade e calidade”.
Na exposición de motivos conxunta recollen que na área sanitaria de Santiago de Compostela “as consecuencias desta política son xa plenamente visibles” e advirten que “están a normalizarse” escenarios que deberían ser “excepcionais”.
Nas primeiras semanas de novembro de 2025, mesmo antes da chegada do pico da tempada vírica, o servizo de Urxencias rexistrou cifras máis de 485 atencións diarias e até 75 ingresos nunha soa mañá e este volume asistencial elevou a ocupación de camas por riba do 89%, “obrigando a manter pacientes en padiolas e cadeiras de rodas en corredores, sen intimidade nin condicións mínimas para unha atención digna”.
BNG, CA, PSOE e Non Adsritas, na moción de apoio a SOS Sanidade Pública, transmiten o seu rexeitamento á política sanitaria da Xunta e instan ao cese das políticas de privatización do Sergas e desmantelamento da sanidade pública galega e, moi especialmente, instan a repor “todos os servizos e persoal da área sanitaria de Santiago”.
Tamén manifestan o apoio a todas a todas as persoas e colectivos que defenden a dignidade e o mantemento da sanidade pública e o respaldo á manifestación de SOS Sanidade Pública do 1 de febreiro, como expresión colectiva da defensa dun sistema sanitario público, universal, equitativo e de calidade para toda a cidadanía.
