Organizado polo IES Rosalía de Castro de Santiago o Premio Arcebispo Juan de San Clemente outorgado corresponde a vixésimo novena edición.

Onte xoves déronse a coñecer os gañadores do XXIX Premio Arcebispo Juan de San Clemente que organiza anualmente o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. O galardón conta co apio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e mais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Trátase dun premio moi valorado polos escritores galardoados cada ano xa que é outorgado polos alumnos de bacharelato de seis institutos galegos, un madrileño e tres europeos. Esta particularidade supón que son os propios lectores das novelas presentadas os que deciden cales son as máis valoradas.
Os gañadores de esta edición foron Misericordia, de Lídia Jorge (La Umbra y la Solana na súa edición en castelán), no apartado de novela en lingua estranxeira; Pel de cordeiro (Edicións Xerais), de Ledicia Costas, no apartado de lingua galega; e La península de las casas vacías (Ediciones Siruela), de Davíd Uclés, foi recoñecido co premio en lingua castelán.
O fallo do xurado do San Clemente deuse a coñecer nunha rolda de prensa na que interviñeron o secretario xeral de Lingua, Valentín García; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, e a directora do centro educativo compostelán organizador, Gemma Paredes.
Paredes, na súa intervención, agradeceulles aos representantes das dúas consellerías o apoio a este galardón que chegará o vindeiro curso á súa trixésima edición. Agradeceulles tamén o traballo e a implicación tanto aos centros participantes coma os seus alumnos/as que este ano formaron parte dos tres xurados: IES Antón Losada Diéguez (A Estrada, Pontevedra), IES 12 de Outubro (Ourense), IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña), IES Sanxillao (Lugo), IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o IES Ramiro de Maetzu (Madrid), o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido) e o propio IES Rosalía de Santiago.
Valentín García, pola súa banda, celebrou a singularidade deste premio na que a rapazada actúa de xurado e convidou, tras coñecerse o premio para Lídia Jorge, a ler a súa obra na lingua orixinal da autora, o portugués, xa que a literatura lusa é “un inmenso océano”.
Bértolo gabou o traballo dos centro educativos á hora de lle dar á sociedade “estudantes ben formados” como os que se reuniron esta mañá no anuncio do fallo do Premio San Clemente, que son “unha boa mostra” deste traballo. Bértolo felicitou o IES Rosalía por este galardón, que está ás portas de facer trinta anos.

A decisión dos xurados
Os alumnos Jairo Barros e Cristina Pérez, do IES Isaac Díaz Pardo, actuaron de voceiros do xurado de novela en lingua estranxeira. Este xurado premiou a obra Misericordia, de Lídia Jorge, polo “lirismo que atravesa o texto”, polo “retrato da beleza do cotiá que ofrece” e pola “visión renovada sobre os nosos maiores”.
David Dios, do IES 12 de outubro de Ourense, e Natalia Argibay, do IES Rosalía de Castro, actuaron de portavoces do xurado de novela en lingua castelán. O premio recaeu na novela La península de las casas vacías, de David Uclés. O xurado gabou a “a ambición de novela total” que presenta este libro, así como a súa orixinalidade ao empregar “o realismo máxico” e o “multiperspectivismo” para “abordar a memoria histórica”.
Diego Rodríguez, do IES Sanxillao (Lugo), e Alba García, do IES Rosalía de Castro, falaron en nome do xurado en lingua galega, que recoñeceu a obra Pel de Cordeiro, de Ledicia Costas. Deste título, editado por Xerais, destacaron a súa “singular estrutura e a súa prosa áxil” que permite “facer de todo o fantástico verosímil”. O xurado concluíu que era unha “obra completa” que brindaba un retrato orixinal e necesario dos vínculos entre mulleres.
Sinopses dos gañadores do San Clemente
Miseriacordia: Trátase dun diario do último ano de vida dunha muller a través do cal se narran tamén as historias doutras vidas no escenario dunha residencia de anciáns e no contexto do desafío ao que se enfrontou a humanidade en 2020 por mor da pandemia.
Lídia Jorge (Boliqueime, Portugal, 1946). Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Lisboa. Entre 1968 e 1974, impartiu clases en Angola e Mozambique. Voz referente da literatura lusa, asinou títulos como Los memorables, Estuario ou Los tiempos del esplendor.
La península de las casas vacías: Nesta obra, definida pola crítica como unha novela total sobre a Guerra Civil en clave de realismo máxico, relátase a descomposición dunha familia, a deshumanización dun pobo e a desintegración dun territorio.
David Uclés (Úbeda, Xaén, 1990). Escritor, músico, debuxante e tradutor. Con anterioridade publicou as novelas El llanto del León e Emilio y octubre.
Pel de cordeiro: Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio. Lola é unha muller do século XXI que atravesa unha crise persoal. A obra afonda no espertar sexual, na violencia ou na maxia con grandes doses de fantasía
Ledicia Costas (Vigo, 1979). É unha das escritoras galegas máis recoñecidas e traducidas. Entre os seus libros, destacan títulos como Infamia ou Golpes de luz. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Literatura por Escarlatina, a cociñeira defunta.
