Melide, 21 de xullo do 2017 – Baixo o nome de Galigastro, o Cantón de San Roque de Melide acolle a II Concentración de FoodTrucks que contará con catro vehículos preparados para funcionar como verdadeiros restaurantes sobre rodas.
A cita terá lugar desde hoxe ata o martes 25 de xullo. Trátase dunha alternativa de ocio e gastronómica na que terán cabida participantes de todas as idades. Haberá unha zona de xogo infantil, xunto coas propostas que ofrecerán as catro foddtrucks, así como música dun dj e tamén actuacións en directo.
Ángel Varela, xerente de Da Vinci Eventos, empresa encargada de organizar o Galigastro en Melide explicaba que “durante venres, sábado e domingo, teremos unha proposta e imos a cambiala durante luns e martes para poder sorprender aos veciños e veciñas da vila e a todos os que se acheguen ata Melide durante eses días”.
Dende a concellería de Turismo do Concello de Melide apostouse por esta alternativa xa que “Melide ofrecerá diferentes estilos de cociña que moitas veces non chegan a vilas pequenas, xa que é complicado que determinado tipo de propostas culinarias cheguen a estes lugares senón é desta manera temporal, congregando nun mesmo espazo tantos estilos de cociña diferente”. Aínda que se poderán probar diferentes pratos no Galigastro “nunca se perderá o arraigo coa gastronomía galega”.