Bisbarra, 17 de xaneiro do 2024 – Teo e Santiago acollerán esta fin de semana o proxecto Nauta que Galicreques impulsou como un estudo arredor da identidades de xénero.
O Auditorio Constante Liste de Teo, este venres, e o escenario da Gentalha do Pichel este sábado, acollerán ás 20.00 h as mostras teatrais de Nauta, un proxecto financiado polo Fondo de Festivais Europeos para artistas emerxentes
Nauta contou co apoio do Concello de Teo, realizouse coa participación de artistas do teatro comunitario, persoas implicadas na visibilización do colectivo LGTBIQ+ e a colaboración de Nico Elsker.
Para levar a cabo este proxecto de investigación escénica, Nauta Teatro levou a cabo no mes de decembro unha serie de seis sesións de traballo nas que se reuniron artistas locais, artistas amadores con vencello ao teatro comunitario e persoas implicadas na visibilización do colectivo LGTBIQ+.
De forma colectiva, baixo a condución de Nauta Teatro e a colaboración do artista drag Nico Elsker, traballouse a identidade de xénero dende a expresión teatral, poñendo o foco principalmente na máscara teatral dende diferentes perspectivas: a máscara expresiva, a media máscara e a máscara corporal, elemento performativo moi presente para o Drag Queen ou Drag King.
Obxectivos
O Festival Galicreques, que no pasado 2023 acadou á súa 28ª edición, espallou con esta iniciativa encabezada por Nauta o seu campo de acción, tanto xeográfica como conceptualmente. Así, dentro dun proceso de actualización que se está a levar a cabo nos últimos anos, Galicreques vai máis aló da mostra escénica tradicional ao sumarlle este laboratorio de investigación teatral financiado por EFFEA.
Galicreques acolle así esta iniciativa que ten entre os seus obxectivos cuestionar a expresión binaria da identidade de xénero, explorar a diversidade dende a pescuda teatral, explorar o mundo drag, crear novos públicos, achegarlle un teatro non convencional ao público local e amosar dende o prisma do teatro diferentes problemáticas sociais mediante un proxecto multidisciplinar.