Bisbarra, 12 de decembro do 2023 – As compañías Galicreques e Nauta Teatro colaboran nun proxecto sobre a identidade de xénero financiada polo Fondo de Festivais Europeos para Artistas Emerxentes (EFFEA).

Nauta e Galicreques desenvolverán unhas xornadas de traballo que se concretarán nun festival que amosará ao público as conclusións escénicas de este laboratorio artístico. Serán diferentes sesións de exhibición en outros tantos lugares de Santiago. O proxecto conta ademais co apoio do concello de Teo.
As xornadas de traballo terán lugar no Auditorio Constante Liste da Ramallosa en seis sesións con creadores locais, artistas do teatro comunitario non profesional e persoas implicadas na visibilización do colectivo LGTBIQ+.
De forma colectiva, baixo a condución de Nauta Teatro e a colaboración do artista drag Nico Elsker, traballarase a identidade de xénero dende a expresión teatral, poñendo o foco principalmente na máscara teatral dende diferentes perspectivas: a máscara expresiva, a media máscara e a máscara corporal, elemento performativo moi presente para o Drag Queen ou Drag King.

Inscrición aberta
Este grupo de traballo, conformado por entre 15 e 20 participantes de diferentes xeracións, acabará por constituír o elenco dunha mostra escénica non profesional aberta ao público que servirá como fiestra para observar os procesos de creación e a realidade da diversidade de xénero dende o prisma das artes escénicas.
Aínda quedan as últimas vacantes sen cubrir do grupo de traballo, polo que as persoas interesadas en participar aínda poden inscribirse a través do correo electrónico info@nautateatro.com ou chamando ao 686 80 93 17. Non é preciso contar con experiencia previa.

Obxectivos
O Festival Galicreques, que neste 2023 acadou a súa 28ª edición, espalla con esta iniciativa encabezada por Nauta o seu campo de acción, tanto xeográfica como conceptualmente. As persoas que participen neste formarán parte dunha viaxe pedagóxica que transitará por diversas áreas temáticas: o teatro do movemento, a expresión corporal, a construción do personaxe, a máscara teatral, o mundo drag, a investigación do arquetipo ou a expresión do xénero dende a dinámica. Estes elementos confluirán nunha mostra escénica aberta ao público que non se pode considerar unha peza teatral ao uso, senón como unha experimentación artística que agroma dende o colectivo.