A estas alturas poucos quedan que non saiban que teremos un eclipse de sol en verán e que Galicia será un dos mellores sitios para velo. Coa vista posta en este evento astronómico, a Xunta de Galicia preparou o programa “Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse 2026” e elixiu Ames para presentalo.
O CEIP Agro do Muíño foi o colexio elixido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, para esta presentación. A programación, coordinada polo Centro de Innovación Educativa e Dixital, articúlase en 26 iniciativas deseñadas para acompañar á comunidade educativa ao longo do curso e están organizadas en catro bloques cun enfoque interdisciplinar.

O Concello de Ames engade a está programación outra específica para poder ver a eclipse solar dende diferentes lugares do municipio. Na cita de este mércores participou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado do alcalde de Ames, Blas García, e a directora do CEIP Agro do Muíño, Mari Carmen Liñares.
O alumando estivo participando en actividades relacionadas coa eclipse e co sistema solar. Entre as que destacan maquetas do sistema solar, kits de iniciación á electrónica, xogos de scratch táctil ou actividades con protectores de chan, entre outros.
Na visita tamén participaron a concelleira de Educación e Mocidade do Concello de Ames, Beatriz Martínez; o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o director do CIEDIX, Jorge Eduardo Regueiro; o físico e catedrático da Universidade de Santiago, Jorge Mira; e o investigador do departamento de Física de partículas do IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), Nestor Armesto.

26 iniciativas para acompañar á comunidade educativa
As iniciativas coordinadas polo Centro de Innovación Educativa e Dixital están abertas á incorporación de novas propostas doutras institucións científicas e divulgativas, permite ofrecer propostas adaptadas ás distintas etapas educativas, combinando accións de observación e experimentación con actividades culturais e tecnolóxicas.
A Consellería de Educación e Ciencia busca aproveitar o fenómeno astronómico da eclipse entre o alumnado para integrar a ciencia, as humanidades, a arte e a cultura, así como impulsar a innovación e as vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).
Isto tamén posibilita a posta en práctica dos coñecementos aprendidos nas aulas e outorgaralles unha oportunidade formativa única para favorecer a cultura científica e o pensamento crítico, así como seguridade e responsabilidade social.
O alcalde, Blas García, agradeceu que a Xunta escollese un colexio de Ames para a presentación desta campaña. “Somos un referente en toda Galicia polo crecemento demográfico que temos todos os anos e tamén polos servizos de conciliación municipais. É moi importante implicar aos nenos e nenas na investigación, innovación e nas novas tecnoloxías, porque iso vai a repercutir para que no futuro teñamos máis persoas que se dediquen á ciencia e á investigación”.
O conselleiro, Román Rodríguez, destacou que “a eclipse é un acontecemento que debemos aproveitar, e desde a Xunta de Galicia xa estamos traballando de cheo por reforzar o impacto positivo deste fito” a través dunha comisión interdepartamental que agrupa aos departamentos das Consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Educación, Ciencia, Universidades e FP e Sanidade, así como da Axencia Turismo de Galicia”.
Bloques de actividades
O primeiro bloque (Ciencia, observación e seguridade) de actividades céntrase na compresión dos fenómenos astronómicos asociados ás eclipses e na promoción dunha observación segura, fundamentada e accesible.
Inclúe oito iniciativas: o Galiverso explora o ceo, unha experiencia inmersiva; Astronomía escolar, unha exposición para ensinar ao alumnado a explorar o ceo; O ceo nas túas mans, que versa sobre astronomía accesible; Solarsafe, un obradoiro experimental sobre sistemas seguros de observación de eclipses; Eclipse Lab Expert, un encontro dixital con especialistas sobre a ciencia galega; Detectives do espectro, unha actividade de experimentación científica sobre as cores da luz; Ecocósmico, unha iniciativa guiada de investigación sobre o hidróxeno no universo, e Cazadoras de sobras, un proxecto de observación e medición.
O segundo bloque (Educación, comunidade e territorio) concibe a eclipse como un proxecto educativo colectivo, que transcende a aula e se estende á comunidade. Reúne iniciativas orientadas ao profesorado, aos Polos Creativos, ás bibliotecas escolares e á divulgación social, contando con outras oito actividades programadas.
As actividades van desde o Pasaporte Explora o Espazo, un itinerario de retos desde os Polos Creativos; ata as xornadas divulgativas De Galicia ao espazo nos Polos Creativos, ou accións rformativas para docentes galegos, divulgación científica en redes sociais e recursos que iluminan a través de cREAgal.
O terceiro bloque (Ciencia, arte e cultura) integra actividades que exploran a eclipse desde unha perspectiva cultural, artística e humanística. O obxectivo destas actividades é ampliar a cultura científica. Falamos de Relatos na penumbra, Constelacións de lenda: mitos para explicar o ceo, un obradoiro sobre cultura e tradición oral, ou Detectives da historia: as eclipses ao longo do tempo.
Por último, o cuarto bloque (STEM e innovación educativa) conta con cinco actividades que se centran na tecnoloxía, na modelización científica, na robótica e na exploración espacial, dirixidas principalmente ás etapas de Secundaria, Bacharelato e FP.
Trátase das actividades: Misión Eclipse: escape room científico, unha gamificación científica; Blader no cosmos, un proxecto de simulación 3D; Misión H₂0: destino Marte, a través de iniciativas de robótica educativa; a actividade de investigación guiada Misión orbital: vivir e investigar no espazo e a gamificación científica Código Umbra: operación eclipse no Eduardo Barreiros.
