Frades, 17 de agosto do 2017 – O vindeiro domingo, 20 de agosto, dispútase no campo de fútbol municipal do Vedral, en Abellá, a vixésima edición do Maratón de Fútbol Interparroquial do Concello de Frades.
Na competición mediranse sete equipos do municipio, que iniciarán o torneo distribuídos en dous grupos, un de catro conxuntos e outro de tres.
A fase previa, de nove partidos, comezará a xogarse ás 11:00 horas. Ata as 15:00 horas, disputaranse sete encontros. Ás 16:15 horas reanúdase a competición cos dous partidos restantes da previa. As semifinais, nas que se medirá o primeiro clasificado de cada grupo co segundo clasificado do outro, xogaranse ás 17:30 e ás 18:15 horas. O terceiro e cuarto postos decidiranse a penaltis e a gran final terá lugar ás 19:00 horas.
Desde a organización do Maratón de Fútbol Interparroquial establecéronse, como normas esenciais, que as vitorias computarán con tres puntos, os empates con un e as derrotas con cero. Os empates de puntos entre equipos desfaranse seguindo estes criterios, por orde: resultado do enfrontamento directo entre equipos, mellor diferenza de goles a favor, maior número de goles marcados, e finalmente o equipo con mellor resultado nun lanzamento de tres penaltis.
Permítense tantos cambios de xogadores como se desexen, sempre que o árbitro os autorice. O futbolista expulsado no transcurso dun partido será suspendido cun partido de sanción, recaendo a decisión sobre o comité organizador. As agresións, a outro xogador ou ao árbitro, conlevan a descualificación do xogador para todo o campionato. Tamén hai que ter en conta que se un equipo non se presenta ao maratón, o conxunto contrario sumará tres puntos cun resultado de 3-0.
A organización pide a máxima puntualidade para que todos os encontros poidan comezar á hora estipulada e non prexudicar así o transcurso da competición. A tal efecto, tamén se require que os equipos estean xa listos para entrar a xogar dez minutos antes de cada partido.
