Padrón, 4 de xullo do 2017 – A Casa Museo de Rosalía amplía a pinacoteca con tres cadros de Ovidio Murguía, fillo da escritora, cedidos pola Deputación da Coruña que dona tamén un crecho do cabelo da poetisa.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei foi a responsable de entregar as pezas ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. Estas pezas formarán parte do conxunto expositivo da casa a partir do vindeiro 15 de xullo.
Abría o acto Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que destacaba o traballo conxunto que se ven realizando coa Deputación da Coruña
Pola súa parte a vicepresidenta Goretti Sanmartín fala da importancia do legado e da súa colocación nun espazo que poda ser desfrutado polos galegos
Ovidio Murguía (1871-1900)
Fillo de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, Ovidio Murguía naceu en Lestrove en 1871. En 1887 matricúlase na clase de debuxo de José María Fenollera imparte na Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, onde traba amistade co mozo Jenaro Carrero e, sobre todo, coñece no museo desta institución, mercede aos depósitos do Museo do Prado, obras representativas do máis granado do paisaxismo español do momento que lle serven de base sólida a súa formación como pintor.
Visita Madrid por primeira vez en 1892 e tres anos máis tarde instálase na Coruña, cidade á que fora trasladada seu pai ao se incorporar ao arquivo do Reino de Galicia, e expón varias obras nos escaparates da rúa Real que lle serven para adquirir certa notoriedade na cidade.
En 1897 decide completar a súa formación en Madrid. Falto de recursos propios, instálase na casa do seu curmán, o escritor Alejandro Pérez Lugín, quen, ademais, sérvelle de introdutor nas tertulias de artistas e intelectuais, mentres desenvolve unha formación autodidacta no Museo do Prado e pintando paisaxes nos arredores de Madrid, á marxe dos talleres dos artistas consagrados e, mesmo, das clases na Escola Superior da Academia de San Fernando, recibindo iso si, numerosos consellos artísticos de seu pai, preocupado pola deixadez que a miúdo mostraba o mozo Ovidio.
En 1898 oposita e logra unha das prazas de debuxo de figura do Círculo de Belas Artes e consegue un traballo no Ministerio de Ultramar. Nese mesmo ano, o presidente do Senado, Montero Ríos, a pesar do enfrontamento que mantiña con Manuel Murguía, encárgalle a decoración dos salóns do Pazo de Lourizán, o que lle outorga unha certa autonomía económica que lle permite abandonar a casa de Pérez Lugín. Enfermo de tuberculose trasládase ao balneario de Caldas e, logo, a súa casa da Coruña onde falece en 1900.
A súa figura encádrase coa do seu compañeiro de estudos Jenaro Carrero e a de Parada Justel e Joaquín Vaamonde na que Bello Piñeiro denominou como a Xeración Doente.
A historia do crecho de Rosalía de Castro
O 4 de outubro de 1950, Gala Martínez-Murguía Castro, filla de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, doa “efectos de súa casa, roupas, mobles, cadros, valores e créditos pendentes” á nai de Juan Naya Pérez, Enriqueta Pérez Ríos. Case cincuenta anos despois, en novembro de 1997, a familia herdeira de Juan Naya, que fora Cronista Oficial da cidade da Coruña e bibliotecario da Real Academia Galega, asina un contrato polo que a Deputación da Coruña adquire diversos bens de carácter histórico-artístico seguintes entre os que se atopa un tresillo Isabelino caoba e un lote de documentos autógrafos ademais das obras de Ovidio Murguía: “Paisaxe de inverno no Sarela”, “Amor dormido”, “Muller lavando”, “Alegoría para un teito”, “Casa campestre”, “Sol e sombra” e “Retrato de Rosalía”. A familia de Juan Naya doa tamén os bens de carácter histórico-artístico: “Primavera”, “Verán”, “Outono” e “Inverno” de Ovidio Murguía, exemplar nominal de ‘Inéditos de Rosalía’ propiedade de Gala Murguía e caricatura de Emilia Pardo Bazán de Castelao. Nese lote de bens entregouse un crecho de Rosalía de Castro que pasou a formar parte do patrimonio da Deputación Provincial da Coruña e que estivo exposto no Pazo de Mariñán ata xuño de 2017. O propio Juan Naya falou nunha conferencia pronunciada en Madrid en 1983 da existencia de dous crechos máis de Rosalía de Castro, un cedido ao Centro Galego da Habana e outro que se atoparía na Academia Galega.