Compostela, 29 de setembro do 2017 – Xohana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Óliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2017, nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultura e Proxección Exterior, respectivamente.
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do xurado dos Premios da Cultura Galega 2017, que tivo lugar na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, e que estivo integrado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández, por delegación do seu presidente; polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; polo secretario xeral da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Felipe-Senén López, por delegación do seu presidente; polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández, por delegación do reitor. Este ano participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Chelo Matesanz, artista plástica; Xosé Manuel Budiño, músico; Dolores Ben, presidenta da Asocaición Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); e Belén Pichel, actriz e presidenta de Escena Galega. Actuou como secretaria a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro.
A Xunta de Galicia convoca anualmente estes Premios da Cultura Galega co obxecto de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos. O galardón deste ano consistirá nunha obra do artista lucense Paco Pestana, que os premiados e premiadas recibirán nun acto solemne a realizar en próximas datas.
Patrimonio cultural
O Padroado Rosalía de Castro eo galardoado co Premio ao Patrimonio Cultural. O Padroado créase no ano 1947 co fin de arranxar a Casa da Matanza, na que Rosalía de Castro viviu no final da súa vida. Será en 1995 cando se converta en Fundación Rosalía de Castro, institución que fixo da Casa-Museo un dos principais epicentros culturais de Galicia.
Declarada de interese galego, a Fundación ten entre as súas atribucións a de fomentar o coñecemento e a conservación da memoria de Rosalía de Castro, do seu esposo Manuel Martínez Murguía e dos seus fillos; así como promover o estudo, edición e divulgación da súa vida e obra, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior a través do Centro de Estudos Rosalianos.