Compostela, 21 de outubro do 2022 – A próxima semana a Fundación Granell inaugura unha instalación da artista María Meijide baixo o nome de “Pánico no museo”.
“Pánico no museo” estará aberta ata o mes de xaneiro e a inauguración esta prevista para o mércores 26 ás sete e media da tarde. A mostra enmarcase na proposta Artista en Residencia que este ano compre a súa VI edición.
No ano 2016 a directora da Fundación, Natalia Fernández Segarra, iniciou a actividade “Artista en Residencia”. Os artistas dispoñen dun espazo na sede da Fundación para traballar e crear. A final de ano mostrase o seu traballo ao público nunha exposición.
Meijide explica o traballo dicindo que “toda a mostra ven atravesada dunha narrativa persoal e autobiográfica da vida que acontece agora. Aparecen os espazos que habito, os meus amigos, a miña familia, e outras personaxes do día a día. No medio deste percorrido vital xorden tamén os espazos do museo e o retrato dalgúns dos seus traballadores. Pinturas en grande e pequeno formato salferidas de apuntes de caderno. Pánico no museo -aclara a pintora- é un título reclamo, case surrealista, e tamén un gancho. Un slogan que pregunta: que sucede?”
A exposición responde en forma de un gran diario expandido. Unha pintura furiosa e alegre que convida ao presente. Máis dunha vintena de pezas, case todo pintura acrílica con algo de fotograbado, conforman unha colección que parece conectar coa realidade a través dunha mirada hedonista e íntima.
María Meijide é unha artista consolidada no panorama galego e recoñecida tamén fóra do país, cunha sólida traxectoria de exposicións nacionais e internacionais. Ademais, a súa obra inclúe numerosas publicacións de cadernos de viaxes: Galipop, un caderno de hoxe e de sempre (2020), De Ushuaia a Quiaca (Librería Lila, Santiago de Compostela 2017), De Kuala Lumpur a Beijing (CGAC, Santiago de Compostela 2015), entre outros.
En 2014 editou unha cartografía emocional de Compostela presentada na Fundación Granell, que a día de hoxe é un clásico. Entre os méritos recentes da súa traxectoria destaca o primeiro Premio ‘Jesús Núñez’ de Arte Gráfica, XVI edición, A Coruña, 2021.
Dende hai uns anos e despois moitas viaxes, María Meijide reside na súa cidade natal e desenvolve o seu traballo en Galicia con base no centro do casco histórico compostelán, nun obradoiro visitable na Praza do Toural.