A Granell preparou un programa de actividades, arredor do Día do Libro, que van desde bookcrossing, ata concertos, charlas e exposicións.
A Fundación Eugenio Granell súmase á celebración do Día Internacional do libro coas actividades de Libro por Libro e Bookcrossing. Unha cita que consiste en que todos aqueles particulares e institucións que o desexen poderán intercambiar os seus libros por calquera dos que se atopan nos stocks de libros repetidos da Biblioteca da Fundación Eugenio Granell.

Asemade a Fundación Eugenio Granell convida a calquera biblioteca interesada nesta iniciativa a participar. A filosofía da actividade pode resumirse no lema: “Alguén ten un libro que ti queres, alguén quere o libro que ti tes”.
Pola súa parte a biblioteca da Fundación Eugenio Granell conta con libros repetidos (novos e usados) dos eidos da arte, cultura, ciencias sociais, etc. así coma libros que edita a propia Fundación, que serán postos a disposición do público en xeral co fin de intercambialos por outros títulos das seguintes áreas temáticas: surrealismo, vangardas, e arte étnico.
Para realizar o intercambio deberán dirixirse á Biblioteca da Fundación Eugenio Granell de 11:00h a 14:00h e de 16:30h a 19:00h. O mércores 23 de abril, a Fundación Eugenio Granell, unirase a outros centros e museos de todo o mundo nunha experiencia de bookcrossing coordinados polo Museo ARTIUM de Vitoria-Gasteiz. Ese día compartirán un vídeo comunitario no que cada un deles recomendan a lectura dun ou varios libros. #Bookcrossing2025.
Música
En 2025, o compositor e director de orquestra Pierre Boulez (nado o 26 de marzo de 1925) cumpriría 100 anos. “Dialogue de l’ombre double” foi escrito por Pierre Boulez, entre 1984 e 1985, en homenaxe ao sesenta aniversario do compositor italiano Luciano Berio.

A partires dunha escena da obra Le soulier de satin (O zapato de raso) de Paul Claudel, propón o diálogo entre o instrumentista (clarinete na versión orixinal) en directo e a súa sombra sonora. Deste xeito, a “sombra sonora” do músico en directo é creada a través da reelaboración de fragmentos musicais previamente gravados polo mesmo instrumentista, un sistema de difusión sonora que rodea ao público, e reverberación.
Esteban Cabana presenta, o martes 22 as sete da tarde, unha nova versión para saxofón alto e gravacións de audio e vídeo do “Dialogue de l’ombre double” na compaña de Pablo Peláez e Pabo Rodriguez, que traballará cos seguintes elementos:
Pierre Jodlowski (Francia, 1971) Mixtion (2002) saxofón tenor e electrónica
Pierre Boulez (Francia, 1925-2016) Dialogue de l’ombre double (1985) versión para saxofón alto, audio espacializado e vídeo*
Germán Alonso (España, 1984) O Gran Cabrón (2012) saxofón barítono e electrónica en vivo
IXOR Aula de saxofón do CMUS Superior da Coruña
Pablo Peláez, Esteban Cabana, Pablo Rodríguez_saxofóns
*Gravación e edición de audio: Pablo Peláez
Gravación e edición de vídeo: EASD Pablo Picasso
Encontros Americanos
O mércores 23 abril, 19.00h terá lugar a conferencia “Surinam e o legado holandés” impartida por Dirk Kruijt, University of Utrecht. Surinam representa a herdanza da colonización holandesa nas Antillas, nun continente marcado polas colonizacións española e portuguesa dominantes. A diferencia da sanguenta independencia de Indonesia, Holanda quixo facer do seu antigo territorio antillano un modelo de descolonización.
O proceso estivo marcado polo seu carácter neocolonial, o papel de sectores militares autocráticos e represores, e un tardío proceso de “reconstrución” caracterizado por dilapidar recursos e pola corrupción. A presentación abordará todo isto a través dun percorrido pola evolución histórica do país nas últimas décadas.

Dirk Kruijt é profesor emérito de Estudios do Desenvolvemento na Facultade de Ciencias Sociais e do Comportamento da Universidade de Utrech. Publicou sobre a desigualdade e a exclusión social en América Latina; empresarios en México e en Perú; gobernos militares; levantamento e contralevantamento; negociacións de paz e reconstrución despois da guerra; e violencia urbana e os actores non estatais.
Entre a súa amplísima produción académica, cabe citar Cuba and Revolutionary Latin America (Londres: ZedBooks, 2017), o The Latin American Military and Politics in the 21st Century: A Cross-National Analysis (coord. con Kees Koonings, Nueva York: Routledge, 2022).