Compostela, 2 de maio do 2019 – O autor Francisco Fernández Naval presenta “Os contos da avoa Pepa” no marco da Feira do Libro de Compostela e acompañado polo ilustrador da obra, Manolo Figueiras.
“Os contos da avoa Pepa” está publicado por Kalandraka e preséntase a partir das seis da tarde. A obra atesoura a memoria dos maiores ante as doenzas que anulan as súas lembranzas e evoca a Galicia de antano, con menos comodidades e sen os adiantos tecnolóxicos de hoxe en día, pero coa autenticidade e co encanto da paisaxe e da paisanaxe rural.
No relato están presentes as historias que pasaban de xeración en xeración, dende os contos de fórmula e os xogos tradicionais, ata as adiviñas, as cantigas ou as fábulas.
Nesta obra, Francisco Fernández Naval convértese en transmisor dun legado de valor incalculable que transcende o plano da oralidade para ficar por escrito con palabras cheas de nostalxia e de afecto, portadoras dun potente caudal de sensacións e de sentimentos, que se deleitan na descrición detallada dos lugares, dos diálogos. “Os contos da avoa Pepa” tece un conxunto de relatos como bálsamo contra o esquecemento.
O cromatismo e a luminosidade das ilustracións de Manolo Figueiras reforzan a mensaxe deste libro sobre un mundo marabilloso no que todo podía e debía ser contado, tamén o misterioso e o inverosímil, o fantástico, o triste e o alegre. Son imaxes de estilo naíf con calado simbólico e intimista nas que a figuración humana convive coa contorna recreada: un suave realismo mestúrase coa abstracción e cos xogos xeométricos, en planos superpostos.
“Os contos da avoa Pepa” súmase ao medio cento de obras das que Fernandez Naval é autor, entre literatura infantil, novela para adultos e xuvenil, relatos, poesía, ensaio, teatro, guións audiovisuais e guías de viaxes. O autor de orixe ourensá tamén traduciu ao galego os textos doutros escritores. Ten recibido os premios Cidade de Ourense de poesía (1980 e 2007), Xerais de novela (1988), Fiz Vergara Vilariño (2010), Irmandade do Libro (2012) e Ánxel Casal (2014).
Pintor e escultor, Manolo Figueiras é un dos creadores máis destacados do panorama galego. Compaxina a arte co seu traballo como profesor no Ensino Medio. Na súa produción -coa que ten participado en varias exposicións- destacan as series sobre mitoloxía clásica e os retratos de artistas. Ten ilustrado libros de poesía de Rosalía de Castro, Pepe Cáccamo e Antón Riveiro Coello, entre outros autores. Tamén elaborou as placas cerámicas do roteiro A Esmorga, en Ourense.