Frades, 11 de outubro do 2017 – O alcalde de Frades, Roberto Rey, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, asinaron un convenio de colaboración para promover o municipio de Frades como destino turístico intelixente.
Un proxecto que suporá un investimento de 49.994,10 euros, dos que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, achegará 48.994.10 euros. As actuacións estarán executadas a finais do mes de novembro.
Acompañada pola xefa territorial da Xunta na Coruña, María Barreiro, Nava Castro explicou ademais que este acordo axudará a este concello a impulsar os seus atractivos naturais e culturais, “que sabemos que son moitos”, explicou. Neste sentido, referiuse ao rico patrimonio artístico de Frades, poñendo como exemplo as súas igrexas de diferentes estilos arquitectónicos, as súas ermidas, cruceiros e pazos. E tamén fixo mención á súa ampla riqueza natural, especialmente marcada pola importancia fluvial desta zona e que cuxos recursos turísticos serán obxecto de melloras.
Pola súa banda, Roberto Rey agradeceu a colaboración de Turismo de Galicia “para poñer en valor os nosos recursos naturais. Frades é coñecido por ser concello gandeiro pero tamén temos outras potencialidades turísticas que, ao non estar no trazado de ningún Camiño Xacobeo, ás veces é difícil dar a coñecer. Pero contamos con praias fluviais e áreas recreativas moi fermosas e que paga a pena coñecer”.
Actuacións a realizar
O obxectivo principal do acordo entre Frades e Turismo de Galicia é dotar ao Concello de de equipamentos de sinalización turística intelixente entre os que se inclúen: equipos de sinalización (sinais para orientación de vehículos e paneis de información turística) e sistemas de xestión e información ao turista (instalación dun sinal intelixente con sensores, a xeito de punto de información turística na Praza de Ponte Carreira, dun servizo de xestión para a xestión de sinalización e dun sistema de información turística).
Para conseguir achegar toda a información turística a un potencial visitante, o Concello de Frades implantará un servizo na nube (cloud computing) que funcione con calquera navegador web e que permita o seu uso con calquera dispositivo (ordenador, portátil, tablet e teléfono móbil). Unha información que será gratuíta e de acceso doado para os turistas.
Así mesmo, o Concello de Frades instalará paneis de identificación de espazos naturais, con datos e características dos lugares, nas praias fluviais de A Presa (Ponte Carreira) e Os Pasos (Aiazo), así como nas áreas recreativas da Ponte Carballa (Abellá), O Muiño (Céltigos) e na piscina municipal de Papucín. Toda a información turística estará accesible a través de códigos QR e chips NFC, que serán implantados tamén en todo material promocional. Así mesmo, instalaranse 17 sinais de percorrido, en forma de frecha de aluminio, para orientación de vehículos.
Así mesmo, mellorarase a accesibilidade á praia fluvial de A Presa e na piscina municipal de Papucín mediante a construción de pasarelas de madeira, de 1,5 metros de ancho. No caso da praia fluvial de A Presa (Ponte Carreira), esta pasarela mellorará a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida. No caso das tres pasarelas da piscina municipal de Papucín, servirán para conectar tres zonas que na actualidade están independentes e que presentan dificultades de comunicación entre elas debido ao paso de dous regatos, ademais de mellorar as condicións de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
