A reforma da estación de tratamento de auga de Ponte Carreira, Frades, e melloras en distintas vías do municipio foron algúns dos temas da reunión mantida este martes.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro. Delegada e rexedor abordaron a situación do proxecto de reforma e mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ponte Carreira.

Roberto Rey informou de que o Concello de Frades trasladará, en breve, os axustes realizados respondendo ás últimas melloras solicitadas para este proxecto pola Xunta, xa que esta actuación atópase en fase de supervisión por Augas de Galicia para executalo en canto sexa posible.
No encontro a delegada tamén informou ao alcalde de Frades de que as obras previstas do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) no camiño municipal OAR en Abellá, comezaran en 15 días, cun investimento de preto de 100.000 euros.
O rexedor informou tamén que este Concello solicitou, para este ano, dúas obras dentro da orde Infraestruturas; unha en solitario para a mellora do viario de Castiñeiro a Redondo solicitando unha axuda da Xunta de 50.000 euros e outra con Oroso de mellora da seguridade viaria en Añá pedindo un apoio do Goberno autonómico de 40.000 euros.
Ademais, outros dos proxectos solicitados foi a través da orde do Fondo de Compensación Ambiental Competitiva (FCA) para a posta en marcha dun servizo de protección do medio ambiente e do espazo natural en colaboración con Ordes por un importe de 48.000 euros.
Finalmente, Frades tamén rematará este ano as melloras de eficiencia enerxética realizadas no edificio multiusos que contaron cunha achega de case 60.000 euros dos fondos FEDER eficiencia enerxética 24-25 e ten solicitados outros 119.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética no centro de saúde de Ponte Carreira, con estes mesmos fondos, para os anos 25-26.
Belén do Campo destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns.