Bisbarra, 13 de agosto do 2024 – As obras de renovación integral da cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, en Frades, marchan a bo ritmo, polo que se estima que estarán rematadas a finais de agosto.
Así o puido comprobar o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, durante unha visita ás obras. Unha obras incluídas nun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Frades e a Consellería de Sanidade e supoñen un investimento de algo máis de 48.000 euros no centro de saúde
Ferreiro Marzoa explica que “Estamos falando dun centro de saúde moi antigo e no que tiñamos de sempre problemas de humidades, xa que daquela os canalóns para a recollida da auga da chuvia adoitaban ir por dentro do edificio. Coa renovación da cuberta cambiaremos tamén o sistema de recollida de pluviais e evitaremos filtracións ao interior, o que mellorará considerablemente tanto as condicións de atención aos pacientes como o espazo de traballo para o persoal sanitario”,.
Obras realizadas en Abellá
Durante a execución dos traballos no centro de saúde de Ponte Carreira, a atención sanitaria trasladouse ao consultorio de Abellá, onde xa se acometeron as obras de mellora previstas.
Uns traballos consistentes na substitución dos toldos existentes por uns novos monobloc con brazo extensible de ancoraxe variable, con lona acrílica e acondicionamento motorizado.
Procedeuse ademais á impermeabilizar a cuberta exterior na zona de acceso ao consultorio, mediante a execución dunha cuberta plana non transitable, non ventilada e autoprotexida de tipo convencional. Estas dúas actuación melloran o illamento térmico e a impermeabilización do consultorio, de forma que incrementa o confort dos pacientes.
Obras a acometer en Ponte Carreira
Pola súa banda, no centro de saúde de Ponte Carreira estase a proceder á renovación integral da súa cuberta, composta por chapas de aceiro. Está sendo substituída por outra de placas de policarbonato translúcidas e paneis sándwich illantes de aceiro. Así, o centro de saúde mellorará o seu illamento e incrementará a súa luminosidade, aproximadamente nun 90%.
Unha vez se rematen os traballos na cuberta, procederase a derrubar un peto de fábrica de ladrillo que rodea o edificio, que será substituído por canalóns para a recollida das augas pluviais, con baixantes e rebosadeiros. Esta actuación evitará filtracións da auga da chuvia ao interior das instalacións e incrementará o confort dos pacientes.