Frades ven de recuperar, grazas a unha axuda da Xunta de Galicia, o azude do río Tambre na área recreativa da Presa, na parroquia de Ledoira. O investimento alcanzou os 50.000 euros co fin de mellorar o elemento e a súa contorna.
Os traballos consistiron na desmontaxe e baleirado do encoro e o desvío provisional da auga. A continuación reconstruíuse o azude mediante a escavación de pozos para cimentacións ata unha profundidade de 2 metros e reconstrución do azude de pedra mediante un muro de escolleira de bloques de pedra granítica careada de entre 400 e 800 kg.



Este encoro, ademais de dar servizo no seu día a unha antiga central hidroeléctrica situada no concello do Pino, crea unha zona idónea para o baño, orixe dunha das primeiras praias fluviais do municipio de Frades, a área recreativa da Presa. O azude quedara moi deteriorado debido ás enchentes e temporais do inverno de 2024, de xeito que gran parte do encoro foi derrubado pola forza da auga.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, supervisaron as obras de recuperación, finalizadas a finais de novembro e que foron financiadas integramente pola Consellería de Medio Ambiente. O Concello de Frades se encargouse pola súa banda de realizar o proxecto técnico.
A actuación foi posible grazas a un convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Roberto Rey. Ao seu abeiro, Augas de Galicia asumiu o financiamento da intervención que permitiu restaurar un tramo de 15 metros do encoro.
Posta en valor da zona
Durante a visita, Belén do Campo salientou que esta obra permitiu devolver ao espazo “todo o seu valor ambiental e funcional”, favorecendo ao mesmo tempo un uso responsable e seguro dun entorno fluvial moi frecuentado pola veciñanza e por visitantes para actividades de lecer.

A actuación enmárcase na Estratexia para a posta en valor das contornas fluviais, impulsada pola Xunta, que busca recuperar e mellorar elementos construtivos tradicionais e funcionais presentes nos ríos galegos (como represas, pontes peonís ou pasarelas) que forman parte do patrimonio hidráulico e do legado histórico-etnográfico dos concellos.
Coa finalización destes traballos, a Xunta e o Concello de Frades avanzan conxuntamente na posta en valor do seu patrimonio natural e hidráulico, contribuíndo á mellora da calidade de vida da cidadanía e á protección das contornas fluviais do municipio.
Pola súa banda, Roberto Rey agradeceu á Xunta de Galicia “a colaboración ofrecida para poñer en valor unha das zonas de lecer máis coñecidas e concorridas de Frades” e agarda “poder asinar en breve o convenio de colaboración da outra actuación moi importante para o municipio e xa comprometida pola Consellería de Medio Ambiente, como é a ampliación da potabilizadora de Ponte Carreira”.
Na súa visita desta mañá, Belén do Campo e Roberto Rey estiveron acompañados pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente, Pilar Arias, e polos concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro; Patrimonio, Juan Carlos Portos; e Turismo, Jesús Francos.
