Frades, 2 de xullo do 2021 – O concello de Frades presentou a programación de verán que estes días esta comunicando a toda a veciñanza cun folleto que inclúe todas as actividades.
A programación de verán ofrece unha trintena de actividades para todos os gustos e idades, recuperando todas as citas tradicionais de edicións anteriores. Os eventos desenvolveránse de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias para facer fronte á Covid-19 e coa obriga de realizar inscrición previa no Concello de Frades (981 695 567 ou 981 695 663) en todas as iniciativas.
O verán de Frades inclúe trece viaxes, media ducia de actividades deportivas, programa de conciliación familiar, catro sesións de cine ao aire libre e tres actuacións culturais dirixidas a desfrutar en familia. Actividades que se poden consultar na web municipal: www.frades.gal.
Apertura da piscina
A programación mantén os Xoves de Praia, o Campionato de Pesca Infantil (31 de xullo), o Día do Neno/a, (31 de xullo), a ruta de sendeirismo “Os Pasos de Aiazo” (7 de agosto), a excursión ao Aquapark de Cerceda (6 de agosto), o campionato de pádel (28 de agosto) ou o Día da Bicicleta (28 de agosto). Ademais, en xullo e agosto terán lugar os cursos de natación e de pilates de verán.
No capítulo de novidades, este ano haberá unha excursión a Tui, Fortaleza e Vilanova de Cerveira o 11 de setembro e unha ruta de sendeirismo pola senda do río Anllóns (Ponteceso) o 1 de agosto, que inclúe unha visita ao Dolmen de Dombate.
Outra novidade será a actuación musical de Paco Nogueiras co seu espectáculo “Radio Bulebule” (sábado 17 de xullo, ás 20:30 horas), os xogos populares do Paporrubio (domingo 25 de xullo, ás 18:30 horas) e unha xornada cultural para toda a familia o sábado 7 de agosto con Peter Punk e a música de Pablo Díaz.
Debido á situación excepcional que estamos a vivir, será obrigatorio o uso de máscaras nos transportes ás actividades, cuxo desenvolvemento queda supeditado en todo momento a que as condicións sanitarias por mor da Covid-19 o permitan. Así mesmo, nas inscricións terán preferencia as persoas empadroadas en Frades. Na organización deste programa cultural de verán, o Concello de Frades conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.