Bisbarra, 25 de outubro do 2023 – O concello de Frades segue reclamando unha solución para o consultorio médico de Abellá e coloca unha pancarta na casa do concello como reforzo da petición.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2023/10/frades-pancarta-reclamar-sanidade-normal-25-outubro-2023_r.jpg)
Unha pancarta coa frase “Queremos médico/a en Abellá XA!” busca defender a sanidade pública e conseguir unha solución aos problemas do consultorio, boa parte deles motivados pola actual doutora como xa contamos en Lindeiros.
A pancarta colocouse tras unha proposta do alcalde, Roberto Rey Martínez, e acordada cos grupos municipais da oposición: PSOE e BNG. Rey ven de informar aos voceiros municipaís de que, tal e como acordaron no último pleno, xa está solicitada a entrevista conxunta co conselleiro de Sanidade, se ben aínda non está fixada a data.
Desde a Consellería confirmaron que a praza de médico vacante en Ponte Carreira pola xubilación do seu titular sairá a concurso a finais deste mes, xa que non foi posible incluíla na queda de mediados de outubro.
Este atraso, unido ao malestar veciñal xerado por unha nova estancia de servizos especiais no Exército da médica titular do consultorio de Abellá, a día de hoxe xa reincorporada no consultorio, motivou que o alcalde se puxera en contacto cos voceiros municipais “para propoñerlles a colocación desta pancarta na casa do concello para exteriorizar tamén o noso malestar pola situación do consultorio de Abellá. Somos conscientes de que a titular ten dereito a solicitar estas excedencias, pero esta situación está a prexudicar seriamente a atención sanitaria que reciben os veciños e veciñas da parroquia”.
Concentración socialista
Por outra banda, o Concello de Frades apoiará a concentración pola mellora da atención primaria no municipio convocada para o vindeiro venres 27 de outubro, ás 11:00 horas, diante do consultorio de Abellá polos socialistas de Frades.
O equipo de Goberno confirma tamén a súa presencia no acto. Ademais, como xa fixera o pasado mes de xullo, o Concello de Frades volverá pechar as súas portas entre as 10:30 e as 12:00 horas do venres 27 de outubro para que as e os empregados públicos que o desexen poidan tamén asistir á concentración.
O Concello de Frades lamenta que o grupo municipal socialista volva unha vez máis romper a unidade de acción en materia sanitaria, sobre todo cando vén de requirila durante a presentación dunha moción na sesión plenaria de setembro.
A pesar de que nesa xornada populares e socialistas foron quen de sacar adiante unha moción do PSOE emendada conxuntamente, esta convocatoria unilateral volve quebrar a confianza no compromiso acadado entre os tres partidos.
A primeira foi o pasado mes de xullo, cando os socialistas convocaron unilateralmente unha concentración semellante á que só convidaron á veciñanza e a cargos vinculados ao PSOE provincia, desprezando tamén o ofrecemento á unidade en todo aquelo que fora positivo para os veciños e veciñas, tal e como manifestou o alcalde no seu discurso de toma de posesión. Sen embargo, e a pesar desta nova deslealdade por parte do grupo municipal socialista de Frades, o Grupo de Goberno ratifica o seu total compromiso coa veciñanza, na esixencia de 2 médicos para Frades e participará na concentración deste venres.