Bisbarra, 30 de agosto do 2022 – O concello de Frades ven de investir douscentos mil euros para mellorar e anchear o camiño que une Abellá con Vilar de Arriba.
As obras permitirán incrementar a seguridade viaria de peóns e vehículos ao longo dos 5,3 quilómetros dunha das estradas con máis tráfico do municipio. O camiño de Abellá situase na estrada AC-524.
O concelleiro de Infraestruturas e Obras de Frades, Manuel Ferreiro, explica que “As obras permitiron anchear a estrada medio metro a cada lado, así como canalizar augas pluviais e construír beirarrúas no núcleo de San Mauro”. Ferreiro engade que as obras están a piques de rematar xa que só queda asfaltar, algo que se ferá nos próximos días.
O camiño entre a AC-524 en Abellá e a localidade de Vilar de Arriba ten unha lonxitude de 5.280 metros, que foi ampliada 50 centímetros a cada lado cunha cuneta de seguridade revestida de formigón. Así mesmo, colocáronse 391 metros de tubería de PVC con 7 arquetas con sumidoiro para a recollida das augas pluviais e construíuse un muro de bloques de granito de 15 metros de longo e 2 de alto para a contención de terras.
As obras incluíron tamén a mellora do camiño entre San Mauro e Cachada, na parroquia de Frades. Un treito de 1,5 quilómetros no que se mellorou a capa de rodaxe con zahorra de canteira e un selado da plataforma de 5 milímetros de espesor.