Axunta e o Concello de Frades invisten 60.000 € na renovación do alumeado deportivo dos campos de fútbol de Ponte Carreira e Abellá
O alcalde de Frades, Roberto Rey, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron os campos municipais de fútbol de Ponte Carreira e Abellá para comprobar o resultado das obras de renovación do alumeado deportivo´

Estas actuacións, nas que o Concello de Frades investiu preto de 60.000 euros, son con cargo ao Fondo de Cooperación Local. Alcalde e Delegada estiveron acompañados polos concelleiros de Deportes, Juan Carlos Portos, e Ensino, Manuel Ferreiro.

As actuacións, permiten un aforro anual do 65,81% sobre o consumo actual, un 3% máis do inicialmente previsto. Isto suporá un aforro enerxético de 16.211,52 kWh e unha redución de 4,12 toneladas de emisións de CO2 anuais.
As anteriores luminarias de Frades contaban cunhas pantallas difusoras en mal estado, o que reduce moito a eficacia luminosa. Contaban taménbcon lámpadas de haloxenuros metálicos con balastro eletromanético, que foron substituídas por proxectores LED que permiten un gasto menor de enerxía e unha maior eficiencia, mantendo os niveis lumínicos óptimos para o uso das instalacións.
Actuacións realizadas
Belén do Campo destaca que as novas instalacións de Frades “melloran as condicións luminosas dos equipamentos, permitira aplicar distintos alumeados segundo o uso (adestramento ou competición) e reducirá o consumo de enerxía eléctrica nos dous campos unha media de preto do 66%”.
No caso do campo de fútbol de Ponte Carreira, duplicouse o número de torres de alumeado cun total de 20 proxectores (5 por torre) cunhas características especialmente deseñadas para o alumeado de espazos deportivos, de forma que permiten acadar un alumeado clase III de acordo coa normativa europea. Así, mantendo as mesmas 468 horas de luz do ano pasado, o consumo reducirase dos 3.669,12 kWh a 2.808 kWh, cun aforro do 23,47%.
No campo municipal de Abellá mantivéronse as catro torres actuais, cun proxector máis por torre, reformouse o cadro de mando e instalouse un sistema de regulación dos proxectores, o que permite acadar un alumeado de clase II de acordo coa normativa europea, o que capacita ao estadio a albergar competicións de nivel medio (rexional) e adestramentos de alto nivel. Nesta instalación o aforro enerxético elévase ata o 73,21%, cunha redución de emisións de CO2 de 3,9 toneladas e un aforro de 15.350,3 kWh.
“As actuacións permitiron instalar luminarias de maior eficiencia enerxética e de menor contaminación luminosa, ademais que colocar equipos de acendido electrónicos para regular o tipo de alumeado dos campos”, explicao alcalde de Frades Roberto Rey, destacando que isto suporá tamén unha mellora visual sobre o estado actual xa que “no caso de Ponte Carreira duplicamos o número de torres e no de Abellá contará cun regulador de luz que permitirá ter programas para competicións oficiais, adestramentos, reducido e incluso para utilizar unha das metades do campo”.