займ срочно

Licítase unha senda peonil en Frades

0

Bisbarra, 22 de novembro do 2022 – Frades contará cunha nova senda peonil, na estrada AC-524, que contarán cun investimento, por parte da Xunta, de 242.000 euros.

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación da senda peonil nunha visita ao concello de Frades. A conselleira foi recibida polo alcalde, Roberto Rey Martínez; e os concelleiros de Obras, Manuel Ferreiro Marzoa, e Benestar Social, María Ángeles Álvarez Carro.

A nova senda peonil situase na estrada que comunica Ordes e Lanzá. Un novo itinerario que, tal e como indicou Ethel Vázquez, mellorará a mobilidade e a seguridade nesta vía autonómica ao seu paso polo municipio. A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle xa a licitación das obras, establecendo como prazo ata o 19 de decembro para que as empresas interesadas nos traballos presenten as súas ofertas.

Senda lista no verán

Segundo a conselleira, o obxectivo é iniciar os traballos a comezos da primavera, cun prazo de execución de 4 meses. Explicou que xa se está a avanzar no proceso expropiatorio: en outubro convocáronse as actas previas e o 16 de decembro está prevista a formalización.

Tal e como avanzou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, no verán os veciños de Frades poderán desfrutar desta nova senda peonil, que lles permitirá facer os seus desprazamentos cotiás entre os núcleos de poboación de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos;  para continuar pola senda da travesía da Abellá de forma cómoda, segura e saudable.

Ethel Vázquez indicou que se trata dunha nova actuación, demandada e agardada no municipio, coa que se dá resposta á petición trasladada polo alcalde e coa que a Xunta pretende favorecer desprazamentos máis seguros, cómodos, sostibles e saudables e facilitar o tránsito diario dos veciños.

Características da obra

A conselleira concretou que o novo itinerario, de 770 metros de lonxitude, permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos. A nova senda desenvolverase pola marxe esquerda da estrada, dando continuidade á xa existente na travesía de Abellá.

Terá 2,5 metros de ancho e executarase en cor terriza natural para unha maior integración. Precisou que durante os traballos se terá especialmente en conta os accesos ás propiedades, que se executarán en formigón reforzado con mallazo.

Nas zonas de cruce con outras vías empregarase pavimento podotáctil, de cor e textura diferente, que advertirá da proximidade a ese cruzamento de vías; e nos pasos de peóns, colocarase tamén pavimento podotáctil, indicativo para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión. Deste xeito, engadiu, no treito no que se actuará, a estrada contará con dous carrís de 3,5 metros; beiravía de 1,4 metros; senda de 2,5 metros; e gabia transitable de 1,20 metros, unha sección da estrada que redundará en maior seguridade viaria.

Como obras complementarias á execución da propia senda realizaranse traballos de drenaxe das augas pluviais; a preinstalación para o alumeado público; e a reposición dos servizos e sinais que se vexan afectados na intervención. A intervención conta con financiamento da Unión Europea dos fondos REACT EU de resposta contra a pandemia.

Ethel Vázquez enmarcou esta nova actuación en Frades na aposta da Xunta pola mobilidade segura, menos contaminante e máis beneficiosa para a saúde, que levou ao departamento que dirixe a poñer xa á disposición dos galegos máis 200 km de sendas grazas a un investimento de 50 M€. A conselleira amosou a vontade da Xunta de seguir avanzando nesta liña, tendo en conta que é unha medida positiva e de éxito, pola experiencia que achegan os veciños que usan eses itinerarios de xeito habitual, que valoran este tipo de actuacións e recoñecen os seus beneficios sociais.  

Potabilizadora

O alcalde de Frades confirmoulle á conselleira que xa está listo o novo proxecto de reforma e mellora da estación potabilizadora de Frades, logo de acometer as correccións indicadas polos técnicos de Augas de Galicia. “É un proxecto que ascende a máis de 200.000 euros pero que é fundamental, non xa pola situación de seca dos últimos verán, senón porque a potabilizadora actual é moi antiga e as súas instalacións están moi deterioradas tanto polo paso do tempo como polo seu uso constante en condicións de máximo rendemento”.

A conselleira solicitoulle ao alcalde que enviara canto antes o novo proxecto e lembroulle que o seu financiamento sería ao ao 80% pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e ao 20% polo Concello de Frades. A intención do Concello é instalar unha nova planta potabilizadora compacta moito máis moderna no exterior da actual instalación, así como renovar os grupos de bombeo de auga bruta e alta, acondicionar os tanques de auga bruta e auga tratada existentes para empregalos como novo depósito de auga tratada e adaptar os equipos existentes á nova instalación.

Finalmente, o concelleiro de Obras, Manuel Ferreiro, agradeceu “o compromiso da conselleira cun municipio pequeno como Frades, primeiro colaborando a estender o saneamento eo abastecemento a todos os lugares; e agora anunciando a licitación desta senda peonil e achegando novas marquesiñas, que instalaremos nos próximos días”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies