Frades, 31 de maio do 2022 – A Xunta e o Concello de Frades investirán máis de 156.000 € en humanizar a contorna dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia
A intervención centrarase nas vías que conducen aos centros de ambas parroquias do municipio. Papucín e Fonte Santaia contarán grazas a estas obras con sendas peonís, canalizacións para a auga e alumeado público, ademais dunha estrutura para cubrir os contedores de lixo.
O acordo foi asinado pola Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Roberto Rey. O ámbito de intervención, cunha superficie de 1.406 m2, correspóndese cos viarios existentes no lugar da Igrexa, na parroquia de Papucín, e coa zona comprendida entre Fonte Santaia, As Corredoiras e A Igrexa, na parroquia de Moar.
Os traballos terán un prazo de execución de 6 meses. A actuación principal consistirá na creación de itinerarios para peóns cunha largura de 1,8 metros, aínda que no caso de Papucín (onde as dimensións da vía non o permiten) optarase por habilitar unha cuneta transitable.
En Fonte Santaia crearase unha zona de convivencia entre tráfico rodado e peonil empregando o mesmo pavimento que nos sendeiros: formigón en cor natural de 15 centímetros de espesor, armado con malla sobre saburra.
O acordo enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.
No caso de Frades, o compromiso de financiamento das obras ascende a 156.567,17 euros, dos cales o 70% será achegado polo departamento galego e o 30% restante polo Goberno municipal.
A Consellería asumirá a contratación da execución e da dirección das obras, a xestión das mesmas ata que se completen os traballos conforme ao previsto, e a formalización dos actos de recepción.
Pola súa banda, o Concello encargarase da redacción do proxecto no que se definan as actuacións a executar, e unha vez recepcionadas, da súa explotación, mantemento e conservación.