O conselleiro e o alcalde avalían as medidas necesarias tras solicitar o concello melloras no illamento da fachada do colexio de Ponte Carreira e a eliminación de humidades
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reuniuse co alcalde de Frades, Roberto Rey, para avaliar o estado do Colexio Público Integrado CPI de Ponte Carreira e concretar novas actuacións de mellora.

No encontro, no que tamén participou o concelleiro de Educación, Manuel Ferreiro, analizáronse intervencións en Ponte Carreira ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a estratexia da Xunta para modernizar os centros e adaptalos ás necesidades actuais do ensino.
Roberto Rey e Manuel Ferreiro fixeron fincapé na necesidade de mellorar o illamento térmico do centro escolar, a través dunha intervención nas fachadas de ambos os dous edificios así como a reparación dalgunhas humidades.
Compre lembrar que a Xunta leva investido máis de 550.000 euros no colexio de Ponte Carreira, que recentemente celebrou o seu 50 aniversario, co fin de garantir que o centro sexa para os case 140 alumnos un espazo educativo accesible, eficiente e adaptado ás novas metodoloxías.
Nese sentido, tanto o Goberno galego como o Concello coincidiron na importancia de seguir avanzando en actuacións que permitan ofrecer unha educación de calidade, coa colaboración entre institucións como ferramenta clave para atender as necesidades da comunidade educativa.