O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asinará co alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, senllos convenios de colaboración para acometer as reformas dos centros de saúde de Ponte Carreira e da Abellá.
Bisbarra, 6 de xullo do 2023 – O concello de Frades ven de asinar un convenio coa Consellería de Sanidade que garante melloras no centro de saúde de Ponte Carreira e o consultorio de Abellá.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, foron os asinantes do acordo que garante un investimento de 48.000 euros en estas dúas infraestruturas. O rexedor aproveitou ademais para trasladar a situación de falta de profesionais pola xubilación dun médico e a comisión especial dunha doutora.
Roberto Rey explica que “o convenio asinado hoxe permitirá cambiar a cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira e impermeabilizar a cuberta exterior na zona de acceso do consultorio de Abellá, polo que acabaremos coas filtracións de auga da chuvia por este motivo”.
A maior parte dos 48.000 euros servirán para levantar a actual cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, composta por chapas de aceiro, que será substituída por outra cuberta de placas de policarbonato translúcidas e paneis sándwich illantes de aceiro.
O local gañará tanto en mellora do seu illamento como nun incremento da luminosidade dun 90%. A maiores derrubarase un peto de fábrica de ladrillo que rodea o edificio e que será substituído por auténticos cantóns para a recollida das augas pluviais, con baixantes e rebosadeiros, o que evitará filtracións da auga da chuvia ao interior das instalacións.
No caso do consultorio de Abellá, a actuación suporá a substitución dos toldos existentes por uns novos monobloc con brazo extensible de ancoraxe variable, con lona acrílica e acondicionamento motorizado. Tamén levará a cabo a impermeabilización da cuberta exterior na zona de acceso mediante a execución dunha cuberta plana non transitable, non ventilada, e autoprotexida de tipo convencional. A maiores, mellorarase o illamento térmico e a impermeabilización do consultorio.
No acto de sinatura, no que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez e pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, o conselleiro agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar ambos convenios, con tempo suficiente para que se poidan licitar as obras e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes contarán cuns centros de saúde mellores e máis confortables.
Cubrición da praza de médico
Roberto Rey e Manuel Ferreiro aproveitaron tamén a entrevista para tratar sobre a cobertura da praza do médico recentemente xubilado no centro de saúde de Ponte Carreira, Juan López Villasente, así como a situación da praza da médica Ana María Gutiérrez, do consultorio de Abellá, declarada en servizos especiais e que despois collerá as súas vacacións.
“O conselleiro garantiunos que a praza de Don Juan cubrirase en outubro, co correspondente concurso público, e asegurounos que enviará persoal durante o verán para cubrir tanto a baixa de Son Juan como as vacacións de Dona Ana en Abellá”, sinala Rey Martínez. “O conselleiro tamén nos comentou que ofreceron a praza a persoas que acaban de rematar o MIR por se lles podía ser de interese unha interinidade temporal pero que non houbo solicitudes”, apunta o alcalde de Frades, quen lle trasladou a necesidade de “contar cun servizo médico suficiente e que preste un servizo de calidade e o máis rápido posible aos veciños e veciñas de Frades”.
