займ срочно

Frades inaugura o seu museo histórico e etnográfico

0

Bisbarra, 28 de marzo do 2023 – O concello de Frades ven de inaugurar o MUFRA, o único museo de etnografía e historia na comarca de Ordes.

O Museo da cultura e tradicións de Frades (MUFRA) ocupa o segundo andar do edificio multiúsos. Un proxecto que reúne pezas da antiga colección de apeiros de labranza do Concello de Frades e outras pezas relacionadas co traballo no rural do municipio, achegados pola propia veciñanza.

O alcalde, Roberto Rey, explica que con este proxecto “queremos amosar ás futuras xeracións a rica herdanza que nos deixaron os nosos antepasados, dar a coñecer a súa forma de vida, os seus costumes, a través de obxectos, documentos e rexistros fotográficos”.

O Museo continúa aberto á cesión de calquera peza, documento ou fotografía por parte dos veciños e veciñas de Frades. Para iso, só é preciso chamar ao Concello de Frades (981 695 567) ou ao coordinador do Museo, o historiador Manuel Pazos (680 824 910) que explica que “Ocuparémonos de recoller as pezas ou as fotografías e, se é preciso, elaboraremos un documento de doazón, cesión temporal ou depósito”.

Éxito da xornada de portas abertas

A pesar da choiva, centos de veciños e veciñas achegáronse ao longo da tarde do sábado ao MUFRA para coñecer as súas seccións. Por unha banda está a arqueoloxía que conta con material relacionado co mundo das medorras, coa cultura castrexa e coa romanización.

No eido da etnografía sitúanse os elementos propios dunha casa rural, apeiros de labranza e dos oficios tradicionais: labrega, carpinteiro, cesteiro, ferreiro, tecelá, zoqueiro, costureira, telleiro… a sección que ocupa maior espazo.

Finalmente o MUFRA ten outros apartados máis reducidos como os destinados aos tecidos, co proceso do liño ou un tear; á tecnoloxía, con cámaras fotográficas analóxicas, fotografías, casetes, tocadiscos, teléfonos, máquinas de escribir…; a escola tradicional, con encerados, pupitres, mapas, manuais escolares, xogos… e á música tradicional con gaitas, pandeiretas, pandeiros ou tambores.

As seccións máis concorridas durante a xornada de portas abertas foi de fotografías antigas de Frades, nas que practicamente todos os visitantes recoñecían a algunha ou algún familiar ou amizade. Así mesmo, resultou especialmente curioso ver como os avós e avoas ensinaban aos seus netos e netas a xogar cos xoguetes en madeira que utilizaban eles de pequenos. O grupo Faíscas da Pontraga foi o encargado de poñer a nota musical á xornada.

O Museo da cultura e tradicións de Frades (MUFRA) está incluído no proxecto Centro de Cultura Tradicional “A Herdanza do Pasado”, un proxecto promovido polo Concello de Frades que inclúe tanto a creación deste Museo de Frades como a cooperación e financiamento de actividades paralelas dirixidas á conservación das tradicións rurais do municipio, como puideron ser a celebración dun magosto en Aiazo, a exposición etnográfica da I Festa do Rural de Frades, a Festa da Filloa de Abellá ou a próxima Festa da Merenda de Aiazo, deste domingo 2 de abril.

A recollida e posta en valor das pezas do museo foi labor da empresa “Acervo. Acción cultural”, dirixida por Manuel Pazos. O proxecto está financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration e en cuxa xestión participan a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A concesión da axuda está apoiada pola Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 2021-2022.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies