Bisbarra, 3 de abril do 2023 – O concello de Frades conta desde o venres pasado co seu novo centro socio cultural en Ponte Carreira que supuxo un investimento de 390.000 euros.

A inauguración contou coa presencia do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso, que acompañou ao alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez e a un cento de veciños que participaron na apertura oficial das instalacións.
O centro foi posible grazas a un convenio asinado polo concello con Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O ente autonómico achegou 200.000 euros en dúas anualidades. Unha aportación que se complementou cunha segunda achega de 32.000 euros para o mobiliario do centro por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.



Na inauguración participaron tamén o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; concelleiros e concelleiras de Frades, así como os alcaldes de Ordes, José Luís Martínez; Mesía, Mariano Iglesias; e Trazo, Josefina Suárez.
Actividades diarias
O alcalde de Frades dixo que se trataba dun “edificio ao que queremos darlle uso diario, que non estea parado. Vai estar atendido durante a semana por unha persoa polas mañás e, inicialmente, durante 3 tardes. Esa persoa organizará actividades para os maiores que se acheguen: obradoiros de memoria, talleres de cociña, ximnasia… O local conta con calefacción e aire acondicionado e as últimas modernidades, polo que pode ser ben aproveitado non só polos veciños e veciñas de Ponte Carreira, senón de todo o concello”.
O centro abrirá as súas portas o vindeiro martes 11 de abril cun completo programa de actividades semanais para persoas maiores como: ximnasia, xogos de mesa, proxección de películas e obradoiros de memoria, cociña, pintura e manualidades. O seu horario será de luns a venres, agás festivos, de 10:00 a 13:00 horas, e os luns, mércores e venres, de 17:00 a 20:00 horas.
Entre estas actividades figuran as Tardes de Baile, con música en directo: o domingo 23 de abril co Dúo Arcángel e o domingo 21 de maio coa cantante Aixa Romay, en ambos os dous casos en horario de 19:30 a 22:00 horas. Ademais, María da Pontragha porá en escena o seu espectáculo musical “Contar co vento” o domingo 14 de maio.
Paralelamente a estas actividades para persoas adultas, o Concello de Frades convocou ese mesmo día actividades para as crianzas (un chisco antes: entre as 17:00 e as 18:00 horas). Así a rapazada poderá desfrutar dun obradoiro de cociña (domingo 23 de abril), dunha tarde de contos e música (domingo 14 de maio) e dun taller de manualidades (domingo 21 de maio). A participación é totalmente de balde, só será preciso anotarse no propio centro sociocomunitario ata completar prazas.
Finalmente, Roberto Rey lembrou que “este proxecto comezou no 2019. Sabedes que tiñamos o terreo comprado para facer un centro de día pero nós non tiñamos peticións para asistir a un centro de día, pois só había 4 ou 5 persoas interesadas. A maioría quería axuda no fogar, que prestámoslla dende a Mancomunidade. Foi cando vimos que a Xunta era partidaria de que no rural se fixeran casas do maior e apostamos por esa modalidade. Agora xa temos dúas Casas do Maior en Frades e agardamos que se poida solicitar unha terceira para o ano”.
Dotación do edificio
O centro consta de 2 salas multiúsos, 2 despachos e unha sala equipada con cociña, así como recepción cun pequeno almacén e aseos adaptados. As salas multiúsos están separadas por paneis móbiles, permitindo a súa unión para crear salas de maiores dimensións. Exteriormente, o edificio é un paralelepípedo, con revestimento mediante fachada ventilada en paneis composite de aluminio, en diferentes cores; diferenciando unha zona de acceso cun volume de maior altura e con fachada ventilada de pedra granítica. As distintas estancias están equipadas co mobiliario necesario para a súa utilización.
Pola súa banda, Diego Calvo interesouse pola dotación ao edificio dos elementos precisos para o desenvolvemento das actividades previstas, de tipo lúdico, social e formativo. Segundo puido comprobar, adquiriuse todo tipo de mobiliario e complementos para equipar a área de recepción, as salas de uso múltiple, a cociña, o almacén e os despachos.
A achega da Xunta ao equipamento foi de 32.000 euros, o que representa o 80% do gasto total de 39.356 euros. Segundo sinalou Diego Calvo, a iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego ás administracións locais en beneficio da mellora dos servizos e das infraestruturas municipais, en especial no caso dos concellos máis pequenos do rural galego.
Trátase de medidas que responden á aposta da Xunta “a prol do principal activo de Galicia, as persoas, e en especial as que manteñen vivos os pequenos concellos do rural”, engadiu o vicepresidente segundo.