Frades, 3 de xullo do 2020 – O concello de Frades ven de rematar a humanización da contorna do centro de saúde de Abellá. Unha obra que comezara no mes de marzo e tivo que ser suspendida pola crise do Covid 19.
Frades realizou unha inversión de 107.000 euros dos que un 70% foi aportado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e o resto pagado con fondos propios.
As obras consistiron no levantado das tullas que limitaban a parcela a carón do centro de saúde, así como os tocóns das antigas tullas que se mantiñan nos laterais da praza. Así mesmo, desmontouse o muro de formigón da parcela, xa que estaba moi deteriorado e presentaba fisuras nalgunhas zonas. No seu lugar instalouse un novo peche perimetral.
Tamén se procedeu a unificar os distintos pavimentos da praza cun formigón continuo coloreado. Finalmente, as luminarias exteriores estaban en mal estado de conservación e non achegaban moita luminosidade, polo que foron substituídas por unhas novas de tecnoloxía LED, aproveitando así para soterrar as liñas aéreas que existían na praza.
O alcalde, Roberto Rey, mostrouse moi satisfeito polo resultado dos traballos “conseguimos unha praza moito máis agradable para a veciñanza e na que poidamos organizar máis actividades”.
Esta actuación está incluída no Plan Hurbe e é froito do convenio de colaboración asinado en 2019 polo alcalde de Frades e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
