Bisbarra, 21 de marzo do 2024 – A área recreativa de Os Pasos, na parroquia de Aiazo en Frades, acolle un ano máis a Festa da Merenda que chega a súa décimo sétima edición.
O vindeiro domingo a cita será organizada pola asociación de veciños “Os Pasos” en colaboración co Concello de Frades. Unha festa que dará comezo ás 12:00 horas, coa degustación gratuíta das merendas elaboradas baixo unha carpa pechada e que rematará ben entrada a noite, coa verbena a cargo da orquestra París de Noia e o grupo Unión y Fuerza.
Unhas 30 cociñeiras, en quendas de 20 persoas, comezarán a preparar as tortillas de masa a partir do mediodía. Poderanse degustar de balde con cada consumición na carpa ou comprar para levar en caixas de pizza (unha por 3 euros, dúas por 5 euros).
Unhas compras que algunhas persoas fan para levalas á casa e outras para degustalas na área recreativa, que como todos os anos acollerá a centos de familias e grupos de amigos nas súas respectivas parcelas. A base das merendas é común para todas (ovos, auga e fariña), pero despois cada cociñeira daralle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).
Durante a mañá, a sesión vermú da Festa da Merenda estará amenizada polo grupo Unión e Fuerza. Como todos os anos, haberá carpas, xogos infantís, postos de artesanía, food-track, cantina e polbeira aberta todo o día a disposición das persoas que o desexen. Pola tarde, a música seguirá o ritmo da Charanga BB+ e, a partir das 19:00 horas, terá lugar a tradicional verbena con Unión e Fuerza e a Orquestra París de Noia.
Novos accesos
A organización facilitará varias zonas de aparcamento na contorna do campo da festa, xa que o acceso de automóbiles á área recreativa só estará permitido para carga e descarga ata as 12:00 horas. Uns accesos que este ano cambiarán con respecto a edicións anteriores, co obxectivo de ter unha dirección única de chegada e saída que evite retencións nos momentos de maior afluencia de xente.
O novo acceso á Merenda desde a estrada Ordes-Ponte Carreira estará sinalizado cunha gran frecha luminosa e con distintos carteis, ademais de por membros da asociación de veciños “Os Pasos” de Aiazo, onde máis de 80 persoas levan toda a semana traballando e poñendo a punto todo para o día da festa.
As persoas que desexen colaborar na financiación da Festa da Merenda poderán facelo adquirindo os tradicionais panos conmemorativos (1,5 euros), as rifas para o sorteo dunha cesta (3 euros) ou as novas camisetas da festa (10 euros).
A Festa da Merenda naceu para lembrar estas tortillas de masa, que foron moi utilizadas na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Unha iniciativa que buscaba lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutrora e que rematou converténdose nunha das citas gastronómicas máis agardada da comarca.
Comezou como festa nocturna pero rematou converténdose nunha xornada gastronómica que cada ano reúne a milleiros de persoas e de todas as idades. Así, durante a mañá o público adoita ser maioritariamente familiar pero isto vai dando paso a un público esencialmente xuvenil, procedente de toda a comarca, sobre todo durante a tarde/noite.