Bisbarra, 13 de marzo do 2023 – O concello de Frades acollerá un ano máis a Festa da Merenda que se celebrará, na área fluvial Os Pasos de Aiazo, o dous de abril.
Coma sempre desde primeira hora comezarán a cociñarse as tortillas de masa que dan sentido a esta Festa da Merenda. A sesión do mediodía, e parte da tarde, estará amenizada polo Grupo Barceló e a Charanga BB+. A noite será cousa da formación Unión y Fuerza e a Orquestra París de Noia.
A Festa da Merenda naceu no 2005 para lembrar estas tortillas de masa, que foron moi utilizadas na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Unha iniciativa que buscaba lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutros tempos pero que agora xa se converteu nunha das citas gastronómicas máis agardada da comarca.
A Festa da Merenda é posible grazas ao traballo da Asociación de Veciños de Aiazo, en colaboración co Concello de Frades. Un traballo que comeza días antes co acondicionamento da área recreativa e coa selección do touciño e demais ingredientes das tortillas de masa: auga, ovos e fariña, ambos caseiros, o que lles dá un sabor diferenciado a estas “merendas”. Se o primeiro obxectivo da Festa da Merenda era que os máis novos coñecesen a tortilla de masa e a importancia que tivo en décadas pasadas (cando era un dos pratos máis empregados na posguerra), agora a “merenda” converteuse nunha festa gastronómica para todas as idades.
A Festa está organizada pola Asociación de Veciños Os Pasos de Aiazo e conta coa colaboración do Concello de Frades.
Se queres acudir podes seguir este enlace https://goo.gl/maps/vyPHktEZHtjTs8H56 e si queres ver máis sobre as edicións anteriores o tes aquí https://lindeiros.net/tag/festa-da-merenda-de-aiazo/ .