займ срочно

Frades solicítalle á Deputación unha senda peonil entre Ponte Carreira e Aiazo

0

Bisbarra, 13 de setembro do 2022 – O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade solicitarlle á Deputación unha senda peonil que una Ponte Carreira e Aíazo.

Frades ven de rematar o estudo topográfico solicitado pola Deputación. Con este documento o proxecto de senda en Ponte Carreira incrementa o seu orzamento dos 393.000 euros iniciais aos actuais 525.312 euros (91.000 euros deles de IVE).

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que esta cuestión volvía a ser debatida porque “veu o deputado responsable de Obras a ver o proxecto e pediunos que fixeramos un estudo topográfico, xa que solicitamos que se fixera por expropiación dos terreos, como se fai en Marzoa, nesta mesma estrada”. Neste sentido, o alcalde lamentou que “nos obrigaran a nós a facer o estudo topográfico, cando nos consta que noutros concellos fainos a propia Deputación”.

O alcalde xa informou do proxecto ao presidente provincial durante a sinatura do convenio para a adquisición dun tractor. “Ao coñecer o novo orzamento, suxeriron a posibilidade de dividilo en dous proxectos, algo que non ten sentido porque sería facer unha senda que quedara no medio do monte ou que non levara a ningures”, explicou Rey Martínez. Así mesmo, o alcalde considera que “non sería xusto con Frades, vendo as sendas que hai noutros municipios”.

Fracción do proxecto

No debate plenario, o BNG amosou o seu acordo total coa proposta da Alcaldía de solicitar a execución das obras nun único proxecto. Pola súa banda, o PSOE tamén coincidiu en que a proposta da Alcaldía era correcta e que “o mellor é que vaia nun proxecto, pero se é máis factible que o concedan en dous, cando menos pedilo”, apuntou Enrique Astray, voceiro socialista.

Pola súa banda, Roberto Rey replicou que “non o vexo xusto porque habería que ir a dúas expropiacións, a senda quedaría cortada e, ademais, porque Frades só ten 1 km de sendas peonís en estradas provinciais, cando nesa mesma estrada DP-3802 se están facendo actuacións en concellos limítrofes”. Ademais, compre lembrar que esta solicitude foi feita inicialmente no ano 2009 e reiterada en varias ocasións, a derradeira no Pleno municipal de maio de 2020 e ao propio presidente provincial durante a súa primeira visita institucional a Frades en 2021.

POS + Adicional

Por outra banda, o Pleno aprobou, cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do BNG, a proposta da Alcaldía para o POS+Adicional 2/2022. Así, o Concello de Frades destinará os 194.000 euros do Plan Complementario ao aglomerado da estrada entre A Cheda (Abellá) e a N-524, o aglomerado do camiño entre Campoduro e o Campo de Vitre e unha pavimentación dunha rúa en Ponte Carreira no seu cruce coa rúa do Ensino.

Os 144.391 euros do incremento de fondos destinaranse a compensar o incremento do prezo da luz (70.000 euros) mentres que os 74.000 euros restantes irán a dúas obras: aglomerado da estrada de Añá a Campoduro, por diante da igrexa Céltigos, e un tramo do camiño de Vilaxoán cara Ponte Carreira.

Festivos

No resto da sesión plenaria aprobáronse o calendario laboral para 2023, de xeito que os festivos locais serán o martes 21 de febreiro (Martes de Entroido) e o venres 29 de setembro (San Miguel), toda vez que o San Xoán coincide en sábado. A corporación ratificou tamén o convenio de colaboración entre os Concellos de Frades e Ordes para un proxecto ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental que permitirá dispoñer dunha rozadora de última xeración.

Finalmente, o Pleno acordou adherirse ao Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude da Deputación da Coruña (Plan Plamedecor) e delegar na institución provincial o control financeiro en materia de subvencións e servizos municipais xestionados indirectamente. A primeira proposta saíu aprobada por unanimidade, mentres que a segunda contou cos votos a favor do PP e a abstención de PSOE e BNG.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies