Bisbarra, 30 de xuño do 2023 – O alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro, reuniránse co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para trasladarlle a necesidade de cubrir as prazas de médicos no municipio.
O encontro terá lugar o vindeiro mércores día 5. A entrevista foi solicitada para tratar sobre a cobertura das prazas de médicos no concello xa que o do Centro de Saúde de Ponte Carreira xubilouse e a doutora de Abellá está en servizos especiais.
Roberto Rey explica que “Queremos trasladarlle en persoa as xustas reclamacións que nos fan os veciños e veciñas de Frades, solicitar a rápida cobertura da praza de Ponte Carreira e buscarlle unha solución aos meses de ausencia en Abellá”.
Durante a reunión, Roberto Rey e Manuel Ferreiro insistirán na necesidade de asinar canto antes o convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a Consellería de Sanidade para o arranxo do centro de saúde de Ponte Carreira, onde a actuación se centrará na mellora da súa cuberta, e do consultorio de Abellá.