Bisbarra, 25 de agosto do 2022 – As obras do futuro Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira, en Frades, avanzan a bo ritmo e o concello espera rematalas antes de finais de ano.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “Estamos xa coa última fase da execución da obra, polo que agardamos que o centro sociocumunitario poida poñerse en funcionamento antes de que finalice este ano”.

O Centro Sociocomunitario de Frades nace dun convenio asinado entre o Concello e a Consellería de Política Social que, con cargo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, achegou 200.000 dos 343.683,56 euros do proxecto nos dous últimos exercicios,. O Concello de Frades subvencionou o resto con fondos propios.
O espazo de Ponte Carreira dará servizo a veciñanza do municipio e nel poderanse levar a cabo actividades lúdicas e sociais, así como formación. Ademais, o Concello de Frades pretende que dea servizo especialmente aos maiores de sesenta anos, que representan o 42% da poboación do municipio.

Roberto Rey engade que “en breve contaremos cun centro para os nosos maiores con acceso a servizos como os que actualmente prestamos a domicilio a persoas dependentes: fisioterapia, podoloxía e perruquería, pero que ademais serva de punto de encontro para o resto da veciñanza, que poderá facer todo tipo de actividades, como pilates ou ximnasia”. Unha instalación que, a diferenza do que acontecería cun centro de día, non estará só aberto a dependentes de grao 2 ou 3, senón que será accesible a todas as persoas maiores do municipio.
Características do centro
O centro Sociocomunitario está emprazado nunha parcela de solo urbano no núcleo de Ponte Carreira, moi próxima ao actual centro de saúde e á praza pública. Cunha superficie de 1.673,39 m2, contará de dúas salas multiúsos, catro despachos, unha recepción cun pequeno almacén e aseos adaptados.
Tanto as salas multiúsos como os despachos poden dividirse entre si a través de paneis móbeis, o que permite crear salas de maiores dimensións, no caso de que fose preciso. O edificio ten unha única planta, cunha superficie construída de 257,42 m2, cunha superficie útil de 211,42 m2. Exteriormente, o edificio será un paralelepípedo, cun revestimento da fachada en paneis de aluminio en diferentes cores e un zócalo de granito inferior.
