Bisbarra, 24 de novembro do 2022 – O concello de Frades abre hoxe xoves a campaña de Nadal coa recollida de alimentos para familias necesitadas.
Unha campaña de Nadal que se organiza anualmente e que conta coa colaboración de Cáritas. Trátase da novena edición e a posibilidade colaborar esténdese ata o 21 de decembro.
Este ano mantéñense os tradicionais sete puntos de recollida: o supermercado Loli e o salón de peiteado Patricia Tacón (Abellá), os supermercados Claudio e Tandy (Ponte Carreira), a Cooperativa Central de Frades (Ledoira), o CPI Ponte Carreira e a propia Casa do Concello. Poderán entregarse alimentos básicos: leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas… que non estean caducados, non teñan superado a data de consumo preferente e estean debidamente etiquetados.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, agradece por adiantado “a colaboración tanto de Cáritas como dos distintos establecementos e entidades que colaboran nesta recollida. Toda axuda é benvida e estou convencido de que os veciños e veciñas de Frades volverán demostrar un ano máis a súa extraordinaria solidariedade para axudar ás familias máis necesitadas nestas datas tan sinaladas”.
Durante as anteriores edicións recolleuse unha media de 400 quilos de alimentos por campaña. Agora, o Concello de Frades fai un novo chamamento á colaboración da veciñanza e pon á súa disposición os teléfonos dos Servizos Sociais municipais (981 69 55 67) e de Cáritas (647 120 228) para resolver calquera dúbida.