Bisbarra, 3 de febreiro do 2025 – Frades pon en marcha a Campaña de Compostaxe Doméstica 2025, coa que continua a do ano 2019, na que participan unhas 250 familias do municipio.

O Concello entregará composteiros de 400 litros á veciñanza que o solicite e que dispoña de vivenda unifamiliar e cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m2 de extensión. As solicitudes poden facerse directamente no Concello de Frades (981 695 567) ou enchendo unha solicitude online a través da web municipal.
O concelleiro do Medio Rural de Frades, Manuel Ferreiro, explica que “o obxectivo da campaña é recuperar unha tradición asentada no rural galego, como era a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, e aproveitar as vantaxes que esta práctica supón tanto a nivel ambiental como económico”.
Tendo en conta que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo tipo, ao recuperala estanse evitando as emisións de CO2 á atmosfera propias da súa recollida e tratamento.
O composteiro, dunha capacidade para 400 litros, debe emprazarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.

Esta campaña de concienciación e educación ambiental en relación á separación selectiva de biorresiduos e compostaxe domiciliaria en Frades está promovida polo Concello de Frades, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, e co financiamento da Unión Europea a través dos fondos NextGeneratioEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.