Ambas as dúas institucións veñen de asinar un convenio para colaborar na conservación do patrimonio municipal

A conservación do patrimonio nos concellos máis pequenos é unha capa máis de responsabilidade que se engade ás moitas que teñen xa. A prioridade dos servizos sociais non oculta que a conservación do patrimonio é necesaria como recurso para os concellos, turístico e, en consecuencia, económico.

Moito de ese patrimonio está en mans da igrexa polo que a colaboración entre institucións ten que comezar a ser algo habitual e o concello de Frades é un dos primeiros en dar ese paso.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro Marzoa; e Juan María González-Redondo Neira, en calidade de representante do Arcebispado de Santiago, veñen de asinar un convenio de colaboración para promover e conservar o patrimonio cultural do municipio.
Un convenio a través do cal o Concello de Frades destinará 6.000 euros a levar a cabo tarefas de mantemento e conservación nas parroquias de Mesos, Ledoira e Céltigos. Un primeiro paso que evitará a degradación dos bens culturais de esas parroquias e ao que sen dúbida seguirán máis medidas.
