Bisbarra, 25 de xaneiro do 2024 – O concello de Frades ven de aprobar no pleno municipal o primeiro inventario de bens municipal cun valor de 16.103.995,23 euros.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, indica que “Este é o total do inventario, excluíndo as pistas municipais que non están contempladas” Un inventario que foi aprobado cos votos a favor de PP e BNG, xa que o PSOE xustificou a súa abstención en que aínda non puideran consultar todo o documento.
O inventario de bens municipal do Concello de Frades inclúe 15.415.138,82 euros en bens inmobles, 286.424,32 euros en vehículos e 402.432,09 euros en bens mobles, ata sumar os devanditos 16.103.995,23 euros. Unha vez aprobado inicialmente polo pleno, o inventario será exposto publicamente durante 20 días mediante anuncio no BOP. Se non hai alegacións, será remitido tanto á Administración do Estado como da Comunidade Autónoma.
Outros asuntos do pleno
No resto da sesión aprobouse a Conta Xeral do exercicio 2022 e a súa remisión ao Consello de Contas, así como o nomeamento de Jesús Patiño Rial como xuíz de Paz substituto por un período de catro anos. Así mesmo, procedeuse ao sorteo das mesas electorais para as eleccións do vindeiro 18 de febreiro.
Moción sanidade
Na quenda de mocións, aprobouse a única presentada polo grupo municipal popular sobre atención primaria. Nela, o Pleno de Frades apoia as medidas incluídas no “Manifesto de conselleiros de sanidade para a toma de medidas estatais urxentes en materia de atención primaria”. A moción foi apoiada polas maiorías dos gobernos autonómicos e do Congreso dos Deputados; en ela solicítanse reformas que permitan incrementar en 1.000 as prazas formativas anuais de medicina de familia en toda España para afrontar o relevo xeracional na atención primaria.
O voceiro popular, Manuel Ferreiro Marzoa denunciou que “Na convocatoria MIR para 2024 hai preto de 14.000 admitidos polo Ministerio para 8.772 prazas de médico residente. É dicir, máis de 5.000 médicos titulados quedarán sen formación especializada cando o Sistema Nacional de Saúde os necesita con urxencia”.
O Pleno de Frades insta tamén á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España o cumprimento deste mandado parlamentario e a solicitarlle tamén que reverta a privatización dos servizos sanitarios dos centros penitenciarios galegos, volvendo a prestar atención desde o sistema publico con persoal sanitario propio de Institucións Penitenciarias. “O Goberno de España recoñece que ten vacantes o 70% das prazas médicas nos cárceres de Galicia”, apuntou Ferreiro Marzoa, quen considerou que “a única resposta que está a dar o Goberno de Sánchez a esta situación está a ser a contratación de servizos privados de asistencia sanitaria para os reclusos, nun claro caso de desmantelamento e privatización dun servizo sanitario público”.
A moción saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións de BNG e PSOE. Belén Pazos González, voceira do BNG, criticou que “dan a entender que o problema o temos dende Pedro Sánchez, cando os problemas en sanidade comezaron moito antes”. Pola súa banda, o voceiro socialista, Enrique Astray Otero, amosouse frontalmente en desacordo coa exposición da moción pois “supón botarlle a culpa a un Goberno cando o maior recorte foi con Rajoy, pero parece que todo vale e tomádelo a cachondeo”.
Manuel Ferreiro lamentou as formas nas que se expresou o voceiro socialista: “os aspaventos fanse cando non se teñen argumentos. Van quedar 5.000 médicos sen praza MIR, cal é o problema de dicilo? Din que o Sergas pode facer máis, e claro que pode facer máis noutras áreas pero quen convoca o MIR é o Goberno e se presentan 14.000 persoas e deixan fora a 5.000, a responsabilidade é do Goberno de Pedro Sánchez”.