Bisbarra, 19 de setembro do 2022 – O alcalde de Frades, Roberto Rey, anunciou que o concello está en contra do proxecto proxecto eólico Gasalla e presentará alegacións.
O equipo de Goberno de Frades tomou a decisión de alegar diante da publicación no DOG do acordo polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) para gasalla.
O parque pretende instalar 7 aeroxeneradores de 3,465 MW de potencia unitaria (24,255 MW de potencia total) nos concellos de Frades e Mesía. O prazo para emitir alegacións/achegas/opinións será do 19 de setembro ao 31 de outubro de 2022.
A documentación pode consultarse na oficina técnica de Urbanismo do Concello de Frades os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas. A veciñanza poderá presentar as alegacións ou observacións que estimen oportunas na propia oficina de Urbanismo de Frades.
Proxecto
O proxecto do parque eólico Gasalla está promovido pola empresa Green Capital Power SL e se atopa nestes momentos en fase de envío de suxestións. Afecta aos concellos de Mesía e Frades, onde pretende instalar 7 aeroxeneradores que suman unha potencia total de 24,255 MW, cunha produción media estimada de 69.026,56 MW/ano. Conta cun orzamento de execución material de 21.077.457,46 euros e un prazo de execución de doce meses.
Esta non é a primeira ocasión na que o Concello de Frades presenta alegacións contra un proxecto de parque eólico. En abril deste mesmo ano, o equipo de Goberno fradense presentou alegacións ao parque eólico Brancellao por non ser compatible nin co planeamento nin co medio socioeconómico e produtivo do municipio. Un proxecto de maior envergadura que finalmente foi informado desfavorablemente pola Xunta de Galicia.