Frades, 11 de abril do 2019 – A área recreativa de Aiazo acollerá este Domingo de Ramos a edición número catorce da Festa da Merenda, unha iniciativa organizada pola Asociación de Veciños “Os Pasos”, en colaboración co Concello de Frades.
A Festa da Merenda tivo un 2018 pasado por auga e este ano os organizadores esperan compensalo cun tempo seco que favoreza a presenza de milleiros de persoas. O concello traballa xa desde hai días en preparar a zona para que todo estea perfecto para disfrutar das tortillas de masa con torriscos que elaborarán unha vintena de cociñeiras da parroquia de Aiazo. Uns traballos nos que contou coa colaboración da directiva da asociación de veciños Os Pasos e do alumnado do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo, e que permitirán que a área recreativa estea lista para albergar aos centos de familias e grupos de amigos que acampan durante toda a xornada dominical a carón do río.
Festa da Merenda
A XIV Festa da Merenda dará comezo ás 12:00 horas coa degustación gratuíta das merendas, elaboradas baixo carpa pechada durante toda a xornada por unha vintena de cociñeiras, que se irán cambiando en varias quendas. A base das merendas é común para todas (ovos, auga e fariña), pero despois cada cociñeira lle dá o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).
As merendas pódense degustar de forma gratuíta na carpa, se ben dende a organización ofrecerán a posibilidade de comprar merendas para levar, que se entregarán en caixas de pizza: unha por 3 euros, dúas por 5 euros. Tamén se pode colaborar coa organización mercando un pano conmemorativo da festa.
Ás 13:30 horas volverá actuar un ano máis a Charanga Mekánica, que dará paso ao xantar. Ademais das merendas gratuítas, as familias poderán escoller entre traer a comida da casa e xantar na área recreativa ou acudir á polbeira (de pago) que estará aberta durante todo o día na carpa.
A partir das 16:00 horas terá lugar a gran Foliada da Merenda, organizada pola agrupación Sarillo de Aiazo, en colaboración coa Asociación de Veciños “Os Pasos”, o Concello de Frades e a Deputación da Coruña. Contará coa participación dos grupos Chorima de Rois, Faíscas da Pontraga (Ordes) e os locais Sarillo (Aiazo). A partir das 18:30 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Miramar, que se estenderá ata ben entrada a madrugada.
A Festa naceu hai catorce anos para lembrar estas tortillas de masa, que foron moi utilizadas na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Unha iniciativa que buscaba lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutros tempos pero que agora xa se converteu nunha das citas gastronómicas máis agardada da comarca.