Santa Comba, 8 de xaneiro do 2019 – A Deputación da Coruña, a través do Plan Único (POS+2018), financia con 417.765,79 euros as obras de remodelación e mellora do campo de fútbol de Fontenla, en Santa Comba.
A obra en Fontela supón o cambio do actual terreo de xogo, de herba natural, por un novo céspede sintético de última xeración.O novo espazo estará lastado con area e cargado con caucho, instalaranse novas redes de rego e drenaxe, cambiarase a conexión das torres de iluminación xa existentes á rede eléctrica do complexo e dotarase de novo equipamento deportivo (porterías de fútbol, banderíns, banquillos, etc.).
O novo terreo, de herba artificial de alta resistencia lastrada con area de sílice e caucho, terá unhas dimensións de 100 metros de longo por 60 de ancho, máis un espazo de 1,5 metros nas bandas laterais e 2,5 m. nos fondos. Contará con varanda de aluminio no perímetro e permitirá tanto a práctica do fútbol 11 coma do fútbol 7.
Os traballos inclúen ademais a construción dunha nova rede de drenaxe do campo con canaleta perimetral de formigón cuberta por rexilla de aceiro galvanizado e unha rede de rego con seis aspersores de alta presión controlada a distancia e programable.
Finalmente dotarase ao campo de novo equipamento deportivo con porterías regulamentarias para fútbol 11 e 7 coas súas redes correspondentes, banquillos cubertos de estrutura metálica, metacrilato e madeira e picas de saque de esquina con soporte de cucho flexible.
A nova instalación permitirá un uso máis intensivo do campo cun menor mantemento e facilitará as condicións de xogo.