Se alguén decidise poñerlle nota a Filomena Fraga ao longo da súa vida tería sempre que escribir “supera as expectativas”.
Con 5 anos Filomena Fraga camiñaba decidida para arar a terra, seguida polas vacas, coa promesa da súa nai de comer un ovo cocido, hoxe a imaxe sería compartida na rede pero nos principios do século XX, na pequena parroquia de Gasamáns, en Ames, non se podía elixir.
Non acudía moito á escola, había demasiado que facer e ademais ninguén pensaba que as mulleres fosen necesitar moito o que alí se ensinaba. Pero Filomena era distinta, adoraba tanto ler que a súa nai pensaba que se volvería tola por preocuparse tanto dos libros.
Os 14 anos os pais de Filomena Fraga levárona a servir nunha casa de Portanxil, alí dou mostras de que nunca sería unha muller como as da época. A súa vea máis sindicalista fixo que reclamase un aumento de soldo, despois de todo facía os mesmos traballos que un home nos campos e coidando dos animais, e ao non ser concedido marchou da casa e foise a Negreira. Na nova vila atopou traballo na casa da familia dun médico que lle pagaba 3 veces máis, 50 pesetas ao mes e 5 de propina, un emprego no que era ben considerada e o seu esforzo valorábase.
O raparigo que coñecera nunha festa tiña que volver a súa aldea a coidar da nai enferma e pediulle matrimonio, quería que fóra con el e ela non puido dicir que non. Filomena explica con orgullo que o seu marido foi un adiantado ao seu tempo xa que durante 43 anos de matrimonio tratouna como unha igual e as decisións tomáronas sempre xuntos ata que, despois dunha enfermidade de 19 anos, morreu.
Os seus fillos tamén viviron ese vivir por diante dos tempos da súa nai. Os cativos participaron nunha experiencia educativa denominada Colexios Familiares Rurais, os alumnos pasaban unha semana interna en Negreira e outra en casa onde os profesores acudían para avaliar os seus traballos, un concepto que segue sendo hoxe en día moi avanzado aínda que xa non se desenvolva. Filomena acabou sendo a presidenta da asociación de pais. A idea de Colexios Familiares Rurais nacera en Valladolid a onde viaxou de cando en vez a debater sobre o modelo de ensino que o modelo propuña e nesas reunións defendía a necesidade de formar aos agricultores galegos e en especial á muller.
A fama de Filomena Fraga chegou ao publicar, cos seus propios aforros, “A Cancela” unha recompilación de anécdotas e poemas que dan fe da claridade coa que comprende o que lle rodea, a capacidade que tivo sempre de entender o mundo que lle tocou vivir e defender as causas máis necesitadas.
Na actualidade non vive un dos seus mellores momentos porque como ela di os fillos están preparados para que os seus pais váianse antes pero os pais non o están para que sexan os seus fillos os que pasen alén; se visita o lector a aldea de Calo en Ames pregunte por ela, un intre de conversación con Filomena é un tesouro difícil de valorar.
Ames, xullo 2014