Compostela, 24 de outubro do 2023 – O Festival Atlántica trae ao Centro Sociocultural de Santa Marta o espectáculo “E a ti… Que che contaban?” da narradora Vero Rilo.
A cita será o vindeiro día 27 de outubro ás seis da tarde. Trátase dun espectáculo concibido para público infantil e familiar. A entrada é de balde previa reserva telefónica no 981 543 017.
A actividade está organizada pola Asociación Memoria Atlántica e conta coa colaboración da Rede de Centros Socioculturais de Santiago e mais co patrocinio do Concello de Santiago.
Neste espectáculo a contadora Vero Rilo vai compartir co público unha escolma de contos de autor, tradicionais e de recollida xunto con xogos cotiás. Un achegamento á memoria tradicional e familiar compartida da man dunhas das voces máis persoais da nova narración oral galega.
Vero Rilo é narradora oral e desde 2013 leva contando contos, historias de vida, e outras lerias para todo tipo de público. A música está moi presente nos seus traballos a dúo con artistas como Sonsoles Penadique, Luis Iglesias e Santi Cribeiro, aínda que por máis que o intente nunca aprenda a cantar nin a tocar a pandeireta.
No seu repertorio aparecen, consciente e inconscientemente, feminismo, tradición, memoria histórica, resistencia, alegrías, afectos e rebeldías. Os seus espectáculos están atravesados polas palabras de Castelao “cada vida é una novela que se perde” e, se cadra, é por iso que conta, para non perder. E conta o que aprendeu a ser, o que outras foron, o que son. Conta o que a (con)move porque di que así a memoria non morre.
A Asociación Memoria Atlántica é a impulsora do Festival Atlántica e da celebración do Día Internacional da Narración Oral en Galicia. Con estas funcións aspira a retomar os ciclos de contacontos que antes da pandemia tiñan lugar ao longo do ano e nos que participaban artistas non só galegos, senón tamén do resto da Península e da outra beira do mar.