Compostela, 16/06/2026 – Compostela acolleu a presentación da décimo cuarta edición do Festival Internacional Atlántica de Narración Oral. Un evento que comezará o vindeiro 26 de xuño e se estenderá ata o 10 de xullo.
Atlántica medra cun programa máis extenso, novas sedes e unha maior presenza de artistas e proxectos vinculados ao patrimonio cultural e á tradición oral. O festival durará cinco días máis, pasará por 33 concellos e conta con 62 espazos escénicos e 50 artistas, con presenza de Galicia, Portugal, Navarra, Zamora, Huelva e Colombia, con continuidade do intercambio transfronteirizo e ibérico.
Asemade, continúa o Ciclo Novas Voces en varias sedes (Santiago, Mugardos, Ribeira, Pazos de Borbén, Outes, A Fonsagrada…) e amplíase o traballo en espazos patrimoniais, naturais e singulares en todo o territorio.
O festival conta co patrocinio xeral da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, da Deputación de Lugo e mais co apoio dos diferentes concellos que participan, como é o caso do Concello de Santiago de Compostela onde se realizou a presentación.




No anuncio da programación participaron a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago, Míriam Louzao; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o alcalde do Concello de Dodro, Francisco Xabier Castro; a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez; alcalde do Concello de Pazos de Borbén, Luciano Otero; o alcalde do Concello de Outes, Francisco Calo; a concelleira de Cultura e Turismo de Teo, Mª Margarita Rosende; así como membros do equipo organizador encabezados pola directora do festival, Soledad Felloza.
Para Soledad Felloza o aumento das cifras revela “que tras trece edicións, o Festival Atlántica revélase como un importante creador de públicos e novos escenarios para a narración oral galega aínda en crecemento”.
A directora do Festival destacou que “Atlántica é hoxe un festival maduro, cunha identidade consolidada e cunha rede de colaboración que medrou co tempo. Moitas das voces que protagonizan a escena actual da narración en Galicia compartiron os seus primeiros pasos con nós e hoxe percorren o país formando parte dun tecido creativo cada vez máis sólido”.

Tamén fixo fincapé en que coincidindo co 50 aniversario do falecemento de Ramón Otero Pedrayo, a edición de 2026 incorpora propostas que dialogan co legado dunha das figuras fundamentais da cultura galega, reforzando a conexión entre tradición e contemporaneidade e reafirmando o compromiso do festival coa memoria cultural de Galicia.
Asemade, a lectura pública da obra de Begoña Caamaño, realizada coa colaboración de ASPANAES e aberta á participación da sociedade galega, exemplifica a dimensión comunitaria e inclusiva do festival.
Toda a programación en festivalatlantica.gal
Máis territorio, máis comunidade
A principal novidade desta edición é a súa expansión territorial e temporal. Durante quince días, Atlántica levará a narración oral a castelos, castros, petróglifos, mámoas, lavadoiros, eiras e airas, pozos do liño, escolas indianas, museos, bibliotecas, xardíns botánicos e sendas ecolóxicas, centros culturais, espazos naturais e lugares patrimoniais de toda Galicia.
O festival chegará a 33 localidades das catro provincias galegas, dende A Coruña, Santiago, Ferrol, Mugardos, Teo, Ribeira ou Vimianzo ata Ourense, Castroverde, Quiroga, Taboada, A Fonsagrada ou Xunqueira de Ambía, entre outras, consolidando unha rede cultural que conecta ámbitos urbanos e rurais a través da palabra contada.
Esta aposta polo territorio compleméntase cunha programación que continúa a explorar a relación entre patrimonio material e patrimonio inmaterial mediante roteiros narrados, conferencias, visitas guiadas, propostas vinculadas á memoria popular e espectáculos creados especificamente para espazos singulares.
Novas voces para novos tempos
A renovación da escena da palabra continúa a ocupar un lugar central na filosofía de Atlántica. Nesta edición consolídase o Ciclo Novas Voces, unha aposta pola creación contemporánea e polo diálogo entre xeracións que permitirá compartir escenario a artistas con traxectoria recoñecida e a novas creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios, grazas á colaboración con outros festivais como o AHOZ AHOZ de Guipuzcoa, o Festival de Zamora e coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
A presenza de Amaia Elizagoien, Esmeralda Folgado, Fernando Palitos ou Santiago Giraldo “Profe Kuro”, entre outras participantes do ciclo, reforza a vontade de Atlántica de abrir espazos profesionais para o encontro, a experimentación e a incorporación de novos relatos, novas linguaxes e novas maneiras de habitar a palabra escénica.
Unha escena da palabra sen fronteiras
Atlántica reunirá este ano 50 artistas procedentes de diferentes lugares da península ibérica e América Latina. Xunto á ampla representación galega, participarán creadoras e creadores de Portugal, País Vasco, Zamora, Huelva e Colombia, fortalecendo a dimensión internacional do festival e consolidando unha rede de intercambio arredor das artes escénicas da palabra.
A programación ofrece propostas para todos os públicos e sensibilidades, desde espectáculos para persoas adultas e familiares ata actividades para a infancia, estreas, roteiros patrimoniais, conferencias e lecturas públicas. Un conxunto de experiencias que dialogan coa memoria e a tradición, pero tamén coas novas formas de creación e cos xeitos contemporáneos de compartir historias.
A palabra como patrimonio vivo
Fiel á súa esencia, Atlántica continúa defendendo a narración oral como unha ferramenta de cohesión social e un patrimonio vivo que se transforma coa sociedade. A edición de 2026 reforza especialmente o diálogo entre tradición e contemporaneidade, entre memoria e creación, entre territorio e comunidade.
O programa reúne propostas inspiradas na cultura popular galega, nas lendas e seres míticos, na historia dos lugares e nas historias que forman parte da nosa memoria compartida. Unha programación diversa que conecta tradición e contemporaneidade, explorando novas formas de creación arredor da palabra e ofrecendo experiencias pensadas para diferentes xeracións e maneiras de vivir a cultura.
Fiel á súa esencia, Atlántica continúa a reivindicar a palabra como unha arte escénica viva, capaz de xerar comunidade, fortalecer os vínculos co territorio e crear espazos de encontro onde as historias do pasado dialogan coas preguntas e sensibilidades do presente.
A diversidade como parte da escena
Desde hai máis dunha década, Atlántica traballa para facer da cultura un espazo máis aberto, inclusivo e compartido. Moito antes de que a accesibilidade ocupase un lugar central nas políticas culturais, o festival xa incorporaba medidas destinadas a garantir o dereito de todas as persoas a participar das artes escénicas da palabra.
Nesta edición, varias propostas contarán con interpretación en lingua de signos, dando continuidade a un compromiso sostido no tempo.
A diversidade tamén estará presente nos propios escenarios, coa participación do artista non vidente Francisco de Romualdo, e en proxectos construídos en colaboración coa comunidade, como a lectura pública de textos de Begoña Caamaño, na que participa activamente ASPANAES.
Sobre Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlántico. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
