Arzúa, 16 de febreiro do 2018 – O Centro de Formación Profesional EFA Piñeiral de Arzúa acolleu a presentación da XLIII Festa do Queixo na que terá un protagonismo especial.
O EFA terá unha serie de actividades enmarcadas na programación oficial da Festa do Queixo. A directora do centro, Pilar Díaz-Caso, foi a encargada de explicar en rolda de prensa a programación que promove nesta 43 edición.
Ademais da actividade de demostracións de pastelaría, exhibición e venta de produto no stand do centro dentro do recinto feiral a fin de semana do 03 e 04 de marzo, Piñeiral aposta por ofrecer unha programación chea de actividades multidisciplinares sempre en torno ó queixo e a súa potencialidade como protagonistas e que darán comezo dende o día 27 de febreiro.
“A misión da Efa Piñeiral sempre estivo, e estará, vencellada á formación, á capacitación para o emprego, pero tamén á promoción rural, á dinamización do territorio, dos seus recursos e das súas potencialidades. E sen dúbida algunha, falar de proxección en Arzúa pasa necesariamente por falar de Queixo” afirma Díaz-Caso.
A xornada do martes 27 terá lugar en Piñeiral a cata e tertulia Márketing e queixo, boas prácticas, a cargo de Óscar Pérez do consello regulador da denominación de orixe protexida Arzúa- Ulloa. Ás catro da tarde Rosaura Leis, coordinadora dunha das unidades Pediátricas do Hospital Clínico de Santiago e profesora titular de Pediatría da Universidade de Santiago, impartirá a tertulia técnica “Un queixo que alimenta a túa saúde”.
O mércores 28 e o xoves día 01 impartirase, en horario de tres a cinco da tarde, o Obradoiro “Fotoqueixo”, Taller de fotografías de queixo que e-namoren, na que se abordará dende un enfoque práctico consellos e técnicas para a fotografía de queixo e elaboracións en base a queixo, tanto para redes sociais como para comercio electrónico.
Todas estas actividades serán de balde e estarán abertas para a participación, de interesados en xeral e profesionais do sector previa inscripción no 981500580 ou no mail pineiral@pineiral.es.
Como actividade para por en valor a creatividade culinaria da mocidade e as inmensas posibilidades do Queixo celebrarase na tarde do sábado día 03 a primeira edición do Concurso xuvenil de elaboracións “Pan&Queixo”, destinado a participantes entre 12 e 18 anos e na que os premiados recibirán premios con sabor á mellor música. A inscrición é tamén de balde e as bases poden consultarse xa na web efagalicia.org.
Asemade ,e como ven sendo habitual, alumnado e docentes de Piñeiral impartirán o Obradoiro infantil de cociña “Un universo de criaturas de queixo” o sábado día 3 de catro a cinco e media para cativos e cativas de 7 a 11 anos, e xa na xornada do domingo no recinto feiral a masterclass Piñeiral de cociña creativa, de catro a cinco e media, para participantes a partir de 15 anos onde se elaborarán Doces e salgados con Queixo.
“Á fin, un programa de actividades multidisciplinares coas que pretendemos achegar as nosas instalacións, dotacións e saber facer ó servizo dos protagonistas do evento; o Queixo e Arzúa. Arzúa, queixo e Piñeiral é unha maridaxe que dará moito que falar”, afirmou Pilar Díaz-Caso.