Bisbarra, 29 de febreiro do 2024 – Tras a renuncia da Asociación a encargarse do evento, o concello da Baña organizará a Festa da Filloa da Pedra o vindeiro 17 de marzo.
Será a vixésima edición da Festa da Filloa da Pedra da Baña. O evento contará como pregoeira á artesá zoqueira Elena Ferro. Un ano máis o espazo elixido será o pavillón de San Vicenzo que acollerá un amplo programa de actividades.
A Festa da Filloa da Pedra da Baña está organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía. Este ano contará cun pregón moi especial a cargo de Elena Ferro, unha destacada artesá dos zocos galegos, que compartirá a súa paixón polo oficio tradicional e a súa visión innovadora.
O programa está repleto de actividades para todas as idades e gustos. Desde a apertura de portas ás 9.30h, os asistentes poderán desfrutar da música tradicional coas actuacións dos Gaiteiros e Pandereteiras da Baña e coa charanga Os Celtas. Ás 12.00h, o grupo Río de Anxo deleitará ao público con ritmos galegos en San Vicenzo. A acción volverá ao pavillón ás 13.30h, co pregón de Elena Ferro.
A partir das 16.00h, a foliada continuará con máis música, incluíndo a actuación de CantoenCanto e os Gaiteiros da Baña, Cé Orquestra Pantasma, os ritmos contaxiosos dos Tabernícolas do Leiradal e a enerxía de Mekánika Rolling Band.
Ao longo do día, os asistentes poderán gozar dunha mostra de artesanía en vivo, actividades infantís, mercadiño de artesanía, exhibición do Club Petanca Negreira e, por suposto, a degustación das deliciosas filloas da pedra, que poderán acompañarse de racións de orella e chourizos, e que fan desta festa un evento único na contorna. Haberá tamén polbeiro.